Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

2022: Centenario de María Casares

Cen anos do nacemento dunha actriz sen medo

No centenario da musa do existencialismo francés, unha biografía da artista galega máis internacional do século XX inclúe imaxes inéditas da súa infancia, no exilio en Francia e nas xiras a América con Virxinia Pereira, parella de Castelao

11

Retrato da actriz galega María Casares, exiliada en Francia.

Unha reportaxe ampla, a dobre páxina. Saíu publicada en xuño de 1943 na ‘Marie Claire’, en Francia. O titular: “Todo París fala dela”. A protagonista da publicación: María Casares, con só 20 anos. “Esta dobre práxina é moi interesante porque deixa ver a popularidade que xa naquel momento alcanzara a actriz galega no país veciño, a onde chegou, exiliada, coa súa nai, cando só tiña 14 anos. Precisamente a foto que aparece nesta reportaxe, dunha María Casares tomando un refresco, é de cando tiña 14 anos: é a primeira foto que fai cando chega a París, en novembro de 1936”, conta a xornalista viguesa Arancha Estévez, biógrafa da artista galega, xunto a María Lopo, “que está a facer un traballo moi importante, máis no ámbito académico”.

Estévez atopou ese documento, a publicación na revista ‘Marie Claire’, en 1943, na Biblioteca Nacional de Francia. “Ela convértese nunha moza de moda, de feito, creou tendencia co peiteado, co sombreiro, moita xente dicía: ‘sombreiro ao María Casares’. Todo isto dá unha idea da súa importancia naquela época en Francia, pouco tempo despois de chegar ao país, exiliada”, expresa Estévez, que indica que crónicas da época a describían, xa neses anos 40, como “a muller de moda en París”. Fíxose coñecida moi pronto, indica Estévez.

Reportaxe na revista ‘Marie Claire’ (1943) Arquivo da Biblioteca Nacional de Francia

Logo de moitos anos de investigación, Estévez lembra que Casares é unha nena cando chega a París: “e convértese moi pronto no sostén da familia”. “A nai era unha señora, que vén da burguesía, e que se ve exiliada con menos recursos e negándose, en principio, a aprender francés”. De aí que Casares pasara a ser, moi pronto, o sostén da familia. “Aprendeu francés pronto e tivo algún que outro problema co acento, sobre todo nalgúns momentos da súa carreira formativa”, conta Estévez, que nos últimos tempos se dedicou a buscar máis material fotográfico sobre a vida da artista galega, chegando a fotografías e documentos inéditos, atopados no Arquivo da Biblioteca Nacional de Francia ,no Arquivo do Reino de Galicia ou no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música, así como nos fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

A reportaxe na ‘Marie Claire’ mostra o éxito da actriz en Francia en moi pouco tempo

Todo este material visual, con fotos da artista descoñecidas para o público ata o momento, está incluido na biografía revisada que acaba de publicar a Editorial Aira, co gallo do centenario da actriz galega, un traballo de investigación e documentación elaborado por Arancha Estévez.

María Victoria Casares Pérez naceu na Coruña o 21 de novembro de 1922 e faleceu en Alloue (Francia) o 22 de novembro de 1996. “Durante moito tempo ao chegar a Francia viviron nun piso de aluguer en París. Despois, tiña unha casa nunha vila pequena, en Alloue, preto de Burdeos. Aí pasaba tempadas e vacacións. Cando faleceu doou esta casa, que non era só unha casa: con varias estancias e moito terreo. Doulla ao concello e alí construíron un centro cultural, que chaman Maison Maria Casarès”, engade Estévez.

“Foi a cara exitosa do exilio. Triunfou como actriz de teatro e cine en Francia”

decoration

“Foi a cara exitosa do exilio. Triunfou como actriz de teatro e cine en Francia”. Alí residía como exiliada por ser filla de Santiago Casares Quiroga, que fora ministro da Segunda República española durante o Goberno de Azaña. María protagonizou varias obras escritas por Camus e representou outras de Sartre, Jean Anouih, Jean Costeau, Genet e Claudel, chegando a converterse en “musa do existencialismo francés”.

Fondo Familia Casares Quiroga. Arquivo do Reino de Galicia

Fondo Familia Casares Quiroga. Arquivo do Reino de Galicia Casares no colo da irmá, Esther (A Coruña, 1923).

A biografía titúlase “María Casares: a célebre refuxiada, a descoñecida” (Aira Editorial). A primeira biografía publicada foi no ano 1999, feita tamén por Estévez. “Foi nunha colección que puxemos en marcha na Editorial A Nosa Terra. Había unha liña de recuperación de memoria histórica e démonos conta de que non había nomes de mulleres, cando había unha serie de mulleres extraordinarias que merecían estar. Naquel momento eliximos a María Casares e a Maruja Mallo. Carme Vidal escribiu a biografía de Maruja Mallo e eu de María Casares, en todo caso, puido ter sido ao revés". “Non se sabía moito dela aquí, sabíase que era unha actriz con éxito en Francia e trascendera tamén que tiña unha relación con Camus, sabíase ese dato”, expresa Estévez. Por iso era importante divulgar a súa figura, a figura dunha persoa que percorre todo o século XX e se converte nunha celebridade, en Francia e en todas as viaxes que facía por traballo: Europa, América...

Nun aeroporto. Xira do Teatro Nacional Popular por Canadá e EE UU. Jean Rouvet/Fondos Jean Vilar

Para facer aquela primeira biografía Estévez viaxou a Francia varias veces. “Finais dos noventa. Evidentemente era todo moito máis analóxico: papel, arquivos sen dixitalizar... Agora xa é doutro xeito e puiden prestar moita máis atención á parte da documentación, da fotografía... Digamos que o texto sobreviviu bastante ben, con certas correccións, pero temos unha obra máis completa dende o punto de vista documental e visual”, expresa Estévez, que acaba de estar con esta publicación na Feira do Libro de Vigo.

“Nesta biografía incorporo algunha corrección e refixen a parte final porque nos últimos 25 anos o legado desta muller está moi vivo e hai que contalo. Na parte fotográfica: hai máis material que nos noventa, material pouco coñecido ou descoñecido”, expresa Estévez.

Sorprenden as imaxes (unha pequena parte das fotos pode verse nesta reportaxe) de María, moi pequeniña, no colo da súa irmá, Esther, en 1923, na Coruña. Tamén deste arquivo é o retrato dela, neste caso, elixido como foto de portada da biografía actualizada.

Retrato da actriz galega María Casares, exiliada en Francia. Esta imaxe pertence ao Fondo da Familia Casares Quiroga. Ca. 1945. Arquivo do Reino de Galicia

Na foto do aeroporto aparece unha ‘decidida’ María Casares, con Gérard Philipe et Jean Vilar (Xira do Teatro nacional popular -de Francia- por Canadá e Estados Unidos en 1958). “Esta foto ten historia porque nesa xira ela non puido facer a viaxe por estrada, como o resto da compañía, entre Canadá e Estados Unidos, polos problemas administrativos que lle provocaba a documentación de refuxiada. Así que o director, Jean Vilar, e o actor Gérard Philipe acompañárona nas viaxes en avión”, apunta Estévez.

María Casares con Virxinia Pereira, viuva de Castelao, e un grupo de mozas en Buenos Aires (1957), nunha xira. selina otero

De 1957 é a foto na que aparece María Casares cun grupo de mozas e Virxinia Pereira, que foi a muller de Castelao. “Neste ano o Teatro Nacional Popular (de Francia) fixo unha xira latinoamericana que recala en Buenos Aires, onde a comunidade exiliada recibe a María como unha celebridade”, expresa a autora do libro. Por outra parte, a reportaxe a dobre páxina na revista “Marie Claire”, en 1943, dá unha idea da fama de Casares no país galo ao pouco tempo de chegar. O seu legado está moi vivo por varios motivos, segundo apunta Estévez, autora de “María Casares: A célebre refuxiada, a descoñecida”. “Por unha parte está todo o traballo de María Lopo, experta na figura de Casares”, indica. (Lopo vén de publicar “María Casares. Residente Privilegiada”-Biblioteca del exilio. Editorial Renacimiento). “Ademais, publicouse a correspondencia entre María Casares e Albert Camus, que mantiveron unha relación amorosa durante anos. Son 800 cartas nas que se ve claramente a complicidade e a amizade entre ambos. E outra cuestión importante é a actividade cultural na que foi a súa casa en Alloue, que doou ao concello”, expresa Estévez. María Casares morreu en 1996, pouco antes da estrea dos premios do teatro galego que levan o seu nome.

Compartir el artículo

stats