Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Melania Cruz Actriz e protagonista de "Continente María"

Melania Cruz: “Non hai que ter medo á vida e con María Casares descubrín que actuar é vencer ao medo"

A premiada intérprete galega dará vida hoxe no Auditorio de Cangas a María Casares

Melania Cruz e Vadim Yukhnevich sobre o escenario. | CARLOS PARDELLAS

A XXXIX Mostra de Teatro de Cangas está a punto de baixar o pano. O penúltimo espectáculo desta edición no Auditorio Xosé Manuel Pazos será “Continente María”, unha montaxé de Ainé Producións ao redor de María Casares [hoxe, ás 22.30 horas]. A súa protagonista é a recoñecida e premiada actriz Melania Cruz.

–Que supón para unha actriz galega a oportunidade de interpretar sobre o escenario a María Casares no ano do seu centenario?

–Unha responsabilidade e un orgullo, independentemente de que sexa ou non o ano de celebración do centenario do seu nacemento. Entrar no universo de María non só como actriz, senón como persoa sumamente comprometida tanto a nivel político como artístico supón un reto e unha tarefa como poucas veces acontece nesta profesión nosa. Así que me sinto agradecida por poder facelo, e da man dun equipo que considero excepcional.

–Cales son as sensacións antes de presentar “Continente María” na Mostra de Teatro de Cangas, unha vila que ademais ten un fondo teatral que leva precisamente o nome de María Casares?

–Ilusión e ganas de compartir.

–Como foi o proceso para dar vida sobre o escenario a María Casares?

–O proxecto xorde da compañía que comparto con Tito Asorey, A Quinta do Cuadrante, o noso fogar teatral dende o que levamos anos tratando de darlle forma a diversas historias relacionadas con figuras de relevancia que consideramos que non están o suficientemente recoñecidas tendo en conta a importancia do legado que nos deixaron, como Charlotte Perkins Gilman, Dorotea Bárcena…

Levabamos dende 2007 querendo crear un espectáculo arredor de María Casares debido, entre outras moitas cousas, á nosa estreita relación con María Lopo, unha das estudosas que máis coñece a vida e obra da Casares. Durante a pandemia asistimos a dous cursos online con Marianella Morena, dramaturga e directora uruguaia a quen coñeceramos previamente nunha das pasadas edicións da MIT Ribadavia, e a partir de aí comezamos a darlle forma ao proxecto.

Despois tivemos a sorte de que se sumou Touri [Xosé Manuel Touriñan], Ainé, o Centro Dramático Galego , o Concello da Coruña, o de Rianxo e a Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas, que nos brindaron o seu apoio e que posibilitaron que o proxecto saíse adiante con máis forza e visibilidade.

–Mete medo meterse na pel dun “monstruo sagrado”, como coñecían en Francia a María Casares polo seu inmenso talento?

–Claro que mete. Pero como dicía un gran sabio, Venancio: “Non hai que terlle medo á vida”, e durante o proceso descubrín, grazas a María, que “actuar é vencer o medo”. Actuar no máis amplo sentido da palabra, con toda a polisemia que entraña o termo. E aí estamos, tratando de actuar para vencer os medos.

–Está vostede sola no escenario para facer este percorrido pola vida de María Casares, nunha función que dura case unha hora e media?

–Afortunadamente non estou soa, senón con Vadzim Yukhnevich, un extraordinario músico e amigo con quen teño a fortuna de vir traballando en diversos espectáculos dende o ano 2006.

–Estamos diante dunha especie de biografía teatralizada de María Casares ou este “Continente María” é algo máis?

–Non foi a nosa pretensión poñer sobre as táboas un biopic de María Casares. A intención, como ela mesma escribe nas súas memorias, habitar no seu universo como quen entra nun continente, mais para vivir nel, non como turistas.–O seu romance con Camus, a estreita relación coa intelectualidade francesa, o seu éxito no cinema e no teatro… son lugares máis ou menos coñecidos.

Melania Cruz nun momento da representación de "Continente María" no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. CARLOS PARDELLAS

-Ao preparar este papel descubriu algunha outra faceta ou capítulo da vida de María Casares que a sorprendese ou que descoñecese?

–Moitos, por suposto. Contamos cunha ampla bibliografía arredor de María: as súas propias memorias, a correspondencia co seu pai, con Camus, as publicacións de María Lopo, de Arantxa Estévez, de Anne Plantagenet, de María Canosa, a tese de Doutoramento de Sabela Hermida Mondelo… Fomos descubrindo moitos aspectos sobre a súa vida tamén grazas ao ciclo de conferencias organizado pola actriz Berta Ojea e a Deputación da Coruña, quizais certas informacións ás que non poderiamos ter tido acceso se non fora a través das persoas convidadas.

–Falabamos de lugares coñecidos, pero pese a todo ese éxito e recoñecemento María Casares segue a ser para moitos unha gran descoñecida na súa terra e no seu país. A que atribúe ese descoñecemento?

–Penso que hai varios factores que contribuíron á súa falta de visibilidade.

En primeiro lugar, trátatase dunha muller, e a historia leva séculos dando clara mostra de que vén sendo escrita da man dun sistema heteropatriarcal que prima as figuras masculinas sobre as femininas e trata de ocultar, soterrar a silenciar as voces femininas que poidan ser relevantes pola súa condición de inclasificables, disidentes e/ ou intensas.

En segundo lugar, pola súa condición de exiliada dun país que viviu unha ditadura de 40 anos. Quen sobrevive a iso? Aínda a día de hoxe estamos a escoitar partidos con representación parlamentaria que manteñen un discurso alarmantemente similar a certos discursos de corte claramente fascista que derivaron, da man doutros factores, na Guerra Civil española.

En terceiro lugar, e moi directamente relacionado co punto anterior, era filla de Santiago Casares Quiroga, ministro da República e unha das grandes figuras da mesma que tratou de ser eliminado da nosa historia contemporánea a pesar da súa relevancia.

En cuarto lugar, nunca agochou o seu compromiso político, o que non adoita agradar nun país cunha democracia moi recente que aínda non foi quen de curar as feridas abertas pola Guerra Civil e que conta con mortas e mortos en cunetas e foxas comúns por toda a súa xeografía, un feito imperdoable e impensable noutras democracias europeas.

En quinto lugar, foi unha muller libre no máis amplo sentido da palabra: no ámbito sexual, profesional e, en resumo, vital, que viviu con intensidade xorda absolutamente todo,. Isto incomoda nun país cunha mentalidade pouco aberta, herdanza dun conservadurismo mal entendido.

Melania Cruz asegura que é un "orgullo e unha responsabilidade" interpretar a María Casares. CARLOS PARDELLAS

–Este “Continente María” é unha forma de reivindicala e axudar a facerlle xustiza?

–Oxalá este espectáculo, como todos os actos que se están a levar en relación á súa figura, e non só no ano do seu centenario, poidan axudar a reivindicala e facerlle xustiza. A súa traxectoria persoal e profesional ben o merecen.

–Cando María Casares escribiu a súa biografía titulouna como “Residente privilexiada”, en referencia ao seu estatus en Francia. Dalgunha maneira vostede sobre o escenario e o público desde a butaca son tamén uns residentes privilexiados neste “continente” de María Casares?

–Non son quen de aventurarme a dar unha resposta arredor desa idea. Só agardo que as persoas que asistan ao espectáculo saian do teatro agardando saber máis sobre María e coa curiosidade por consultar outras fontes para conformar a súa propia idea dela.

–Se aínda vivise hoxe María Casares, que tivo que exiliarse en Francia, por culpa da Guerra Civil, como cre que vería un fenómeno tan preocupante como o auxe da extrema dereita no seu país de orixe e no de acollida?

–Supoño que preguntándose por que caemos unha e outra vez nos mesmos erros que en épocas pasadas e co teatro como foro no que expoñer os seus medos, fortalezas, cuestións e preocupacións arredor destas cuestións e moitas outras, en fin, dos misterios da vida.

Compartir el artículo

stats