Tres décadas enteiriñas de muiñada

O grupo Treixadura cumpre o 30 aniversario cunha nutrida xira e o novo libro-disco, “Camiño longo”, con varios temas inéditos

Treixadura cos seus 16 músicos actuais.

Treixadura cos seus 16 músicos actuais. / Estudio M

Mar Mato

Mar Mato

Tralo parón da pandemia sen ensaiar e actuar, Treixadura volta máis vizosa como banda. Como proba para celebrar o seu 30 aniversario, sae de xira e publica “Camiño longo”, un libro disco –distribuído por Inquedanzas Sonoras– que resume a súa historia cun tratamento moi coidado das fotos e un CD con 17 temas, tres deles inéditos: “Danza de Santa María de Torás”, “Micaela-Maruxa” e o “Himno galego”; así como con colaboracións de Rodrigo Romaní, da Banda Municipal de Música da Coruña e do Coro Cantigas e Agarimos.

“No ano 2020 quedamos ás portas co traballo discográfico. Practicamente, salvo algunhas cousas puntuais, estaba rematado. Tería que estar acabada a gravación a 14 de marzo dese ano”, lembra Xaquín Xesteira, un dos membros fundadores xunto a Toniño López.

Actuación do grupo Treixadura no Teatro Afundación de Vigo. Foto: Cristina Terrón

Actuación do grupo Treixadura no Teatro Afundación de Vigo. / Cristina Terrón

A banda –que xermolou no 1990 pero que botou a andar como grupo de gaiteiros o 30 de xuño de 1992 no rodicio do Muíño Vello de Redondela– superou a incerteza da pandemia pero decidiu agardar a este 2022 para retomar a andaina.

Finalmente, remataron a gravación que transcorreu entre os estudos Casa de Tolos e o Edisco de A Estrada, aos que se sumou un estudo en unidade móbil para rexistrar os temas interpretados pola Banda de Música de A Coruña.

Ramón V., Xaquín Xesteira (detrás); Toniño; Xabier Martínez e X. López. Treixadura. Foto: Antón G.

Ramón V., Xaquín Xesteira (detrás); Toniño; Xabier Martínez e X. López. Treixadura. / Antón G.

Agora mesmo, Xaquín Xesteira defende que a agrupación “ten moi boa saúde. A experiencia e a madurez dan un asentamento coa visión musical moi clara. Seguimos facendo o que empezamos a facer, que é o que nos gusta dentro da música tradicional. Empezamos sendo catro e acabamos sendo 16 compoñentes”.

En canto ao diálogo entre os membros para artellar uns arranxos que manteñan o equilibrio entre un son de seu e a tradición, Xesteira explica que “moitas veces a cuestión é o que nos di a propia cantiga ou melodía cando a tocamos. Se nos conmove, temos claro que nos vale pero se nos sentimos como se non pasara nada decidimos deixala para máis adiante para buscar outra perspectiva ou forma de expresala. A estas alturas, non facemos un debate de como debe ser cada tema, de se debe ir por aquí ou por alá”.

Treixadura no rodicio do Muíño Vello en xuño de 1992.

A banda, nos seus comezos, no 1992 no Muíño Vello. / Treixadura

Respecto á cadea de transmisión da música tradicional, sinala que “nunca debemos confiarnos pero dende os anos 80, á medida que empezaron a proliferar asociacións culturais, a transmisión está salvada debido a esas organizacións, que son a base do fenómeno da música tradicional galega. Dende moitos países e autonomías da Península Ibérica miran para Galicia con verdadeira envexa porque ven que aquí a música tradicional móvese moito; ten moitos seguidores como se di hoxe en día. É grazas ao traballo altruísta de moita xente que montou as asociacións e buscou profesores para recrutar alumnado. Esta é unha música do pobo para o pobo”.

En canto ao novo disco, “Camiño longo”, Xaquín Xesteira explica que a canción que o abre, “Muiñeira do Santo Amaro” é “un dos temas emblemáticos do grupo. Neste momento, é un dos máis cantados por nós e por infinidade de grupos. Quixemos empezar así porque aí móstrase unha das primeiras colaboracións que temos neste disco, a Banda Municipal de Música da Coruña. Este e outros temas como “Claraveliños”, “Miñas cousas”, están pero ofrecémolos de xeito diferente a como fixeramos noutras gravacións, acompañados cunha banda de músico, dun xeito máis sinfónico”.

Tampouco falta “O melro”, que levan cantando dende os inicios, dende o primeiro concerto no 1992 no Muíño Vello de Redondela, só que desta vez aparece co Coro Cantigas e Agarimos que vén de cumprir cen anos.

En canto ás cancións inéditas, explica que a “Danza de Santa María de Torás” aparece gravada con dúas gaitas e a colaboración de Romaní. “Témola tocado nos primeiros ensaios pero quedou aí e consideramos que era un bo momento agora para mostrala”, sinala Xesteira.

Outro inédito é “Micaela-Maruxa”, dous pasodobres revisados que formaban parte do primeiro repertorio do grupo pero que nunca foran por el gravados. Neste CD ademais, serven de homenaxe a Santiago Caneiro, presidente da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s durante anos. O terceiro é unha versión do Himno Galego.

Suscríbete para seguir leyendo