Cada 16 de xuño, Dublín é unha festa na celebración dun programa especial pola efeméride do “Ulises” de James Joyce que neste ano cumpre o 100 aniversario. Actrices e actores acompañados de fans da obra percorren as rúas dos personaxes da mítica novela e mesmo degustan os pratos gastronómicos (vísceras cociñadas) que nela aparecen. A festa expandiuse a outros países e agora, ao fin, Galicia decidiu unirse. Onte mesmo, a nosa comunidade conmemoraba o seu primeiro Bloomsday. O nome conecta co apelido do protagonista, o antiheroe Leopold Bloom que percorre na obra a cidade irlandesa o 16 de xuño de 1904.

A celebración tivo lugar da man da Editorial Galaxia, a primeira en publicar o “Ulises” totalmente traducido ao galego no ano 2013 por Eva Almazán, Xavier Queipo, Antón Vialle (Chema Saiz Pena) e María Alonso Seisdedos.

Ese traballo logrou o Premio Nacional de Tradución e chegaba 87 anos despois das primeiras traducións que Ramón Otero Pedrayo fixo de fragmentos da novela para a revista “Nós”, converténdose así o galego na primeira lingua da Península ibérica en amosar o “Ulises”.

Francisco Castro e María Alonso Seisdedos, onte no MARCO. Alba Villar

No auditorio do MARCO, en Vigo, o director de Galaxia, Francisco Castro, e a tradutora María Alonso Seisdedos falaron onte do fito de que finalmente se traducira toda a obra ao galego, ao tempo que destacaban a importancia de celebrar o Bloomsday para a normalización da lingua galega.

“Fíxome ilusión que me contaran –relataba Castro onte– que na farmacia de Dublín que aparece na historia hai exemplares do libro en moitas linguas. É interesante saber que o está en lingua galega”.

“En moitos lugares do mundo celébrase o Bloomsday. Lectoras e lectores de todo o mundo collen páxinas do libro e léenas en voz alta”, proseguiu. De aí que Galaxia quixese que se celebrase así en Galicia, cunha lectura aberta ao público nas escadas do MARCO. Como preludio, autores como Ledicia Costas ou Anxo Angueira enviaron vídeos coa lectura.

Pola súa parte, María Alonso Seisdedos indicou que “queriamos saír á rúa co señor Bloom para atopármonos coa xente e que a xente o atope nas páxinas do Ulises, que lle perdan o medo”, indicou.