Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Calveiro Novo director de edicións de Galaxia

“Que me paguen por ler é un soño”

“Vivimos tempos moi egoístas”, confesa o escritor

Marcos Calveiro. Ricardo Grobas

Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) vén de ser nomeado novo director de edicións de Galaxia. Ao fío do teléfono, está exultante este autor que reside en Vigo e que atesoura, entre outros premios, o Barco de Vapor, Lazarillo ou García Barros.

–A partir de agora vostede será quen decida que vai editar Galaxia.

–En grande medida vai ser así aínda que este é un traballo en equipo. Por riba, teño ao director xeral, Francisco Castro, pero o primeiro filtro de lectura de orixinais e colleita vou ser eu tanto nos premios como nos orixinais que as autoras e autores envían á editorial. Faime unha ilusión tremenda, son lector empedernido dende a adolescencia. Que me paguen por ler é un soño, a felicidade máis absoluta.

–Habería que reducir o número de títulos publicados?

–Co mercado reducido que temos en galego e coa pouca visibilidade dos nosos libros debemos publicar todo o que poidamos dentro dun criterio de rigor e calidade para chegar a todo tipo de público e gañar cada vez máis lectores.

–De ter unha variña máxica, que pediría para a edición en galego?

–Buff, que multiplicase por dous o noso público lector para a nosa editorial e para as outras; e que os libros en galego tiveran máis visibilidade nos medios. Debería haber máis implicación destes. O espazo para o libro galego é reducido. E no voso xornal dádelles bastante espazo comparado con outros. A cultura non interesa, interesa máis o deporte.Hai seccións de deporte incomensurables que eu penso que non le ninguén. Pero os medios están nun tempo de mudanza complicado. Ademais, a lectura e sobre todo a lectura na nosa lingua debería ser un obxectivo primordial de calquera goberno.

–Deixou de ser taberneiro no Café Badía en Vigo?

–Son titular do negocio e a miña compañeira está aí. Estiven nel ata esta fin de semana. Agora botarei unha man nas vacacións pero a partir de setembro desvinculareime de todo. É un lugar ao que lle teño moito cariño e no que coñecín a moita xente, no que fixemos actos culturais e presentamos libros. Espero que o poidamos seguir mantendo moitos anos.

–Ten medo de non ter tempo para escribir co novo cargo?

–Xa como taberneiro non tiña moito. Levaba cinco anos sen escribir. Aproveitei o tempo do confinamento e os meses máis duros da pandemia no que tivemos que pechar para escribir varias novelas. Foi o único bo que quitei da pandemia: ter tempo para escribir. Como editor, algo de tempo sacarei pero tardarei dous ou tres anos.

–Vén de publicar “Curros & Holmes” (Galaxia), como se deu por xuntalos con Marx?

–Foi casualidade. Xa sabía da lendaria viaxe de Curros Enríquez de nove meses a Londres. Empecei a tirar dese fío do que hai pouca información. Non se sabe exactamente en que ano foi e así xoguei cos personaxes. En teoría vai ser unha saga, haberá máis aventuras deste dúo cun persoeiro histórico polo medio.

–O que conta no libro do pai autoritario de Curros é real?

–Si, lin todas as biografías e din que era moi autoritario e que tiña problemas con el. Curros era un rapaz rebelde que tiña outras miras e escapa da vida que lle tiña guionizada seu pai.

–Na obra falan da indiferenza ante a inxustiza naquel altura, pero agora tamén o ve así?

–Insisto, vivimos en tempos moi complexos. Coa pandemia, pensamos que iamos saír mellores persoas. Eu desconfiei dende o comezo. A xente está pensando na esmorga e nas vacacións. Vivimos nun sistema capitalista que é difícil fuxir del. A xente mira o seu. Coa guerra e a suba de prezos a xente está preocupada polo seu día a día, non ten tempo para preocuparse das xustizas dos demais. Vivimos tempos moi egoístas pero é o sistema no que estamos.

Compartir el artículo

stats