A autora galega máis universal, a matriarca das nosas letras, Rosalía de Castro, vén de rexistrar un novo fito: vén de editarse unha escolma de “Follas novas” ao guaraní, lingua oficial do Paraguai e que é falada nese estado, así como en Arxentina, Bolivia e Brasil, por uns dez millóns de persoas.

A tradutora é a poeta paraguaia e xornalista Susy Delgado, quen presentou onte o libro de xeito virtual en UVigo TV (da Universidade de Vigo) nun acto celebrado de xeito presencial no Centro Cultural de España Juan Salazar, en Paraguai, e guiado pola profesora da entidade viguesa Iolanda Galanes.

Para Delgado, este volume “é unha emocionada homenaxe a Galicia, á súa xente e á súa poesía”. Na súa intervención –que foi curta debido á súa dor na gorxa e afonía–, lembrou a súa visita a Galicia pola publicación dun dos seus poemarios ao galego por Espiral Maior en novembro de 2008.

Esta autora sinalou que “as linguas dialogan e enriquécense” ao tempo que recoñeceu que “é unha publicación esperada con moita ilusión”.

No acto también interviu, entre outros, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen indicou que hoxe “é un día feliz: Rosalía poder lerse nunha lingua irmá”. A presentación fechouse coa lectura do poema “Silencio” nas dúas linguas.