“A espiral da historia pon as cosas no seu sitio”. A sentencia pertence a Antón Reixa e, con ela, fai referencia á ignominia na que moitos afundiron nos 80 e 90 ao grupo poético Rompente, no que Reixa militou de 1975 a 1983 xunto a Alberto Avendaño e Manuel Romón. Agora, ese canón poético da vangarda galega axusta contas co destino coa presentación por todo o alto no Museo Reina Sofía en no Círculos de Bellas Artes de Madrid.

Na voz de Antón Reixa, onte, non cabía máis emoción e felicidade. Explica que será “a primeira vez” que Rompente presente como tal os seus poemas alén da fronteira galaica.

Pero antes de entrarmos nos detalles das citas madrileñas, para quen non viviu a caída ao Hades da poesía de Rompente, emerxe unha cuestión: ¿como é posible que un grupo tan innovador na súa expresión poética e posta en escena acabase sendo denostado?

Primeiro, Reixa pon en contexto: “A poesía galega, cando comezamos nós, estaba chea de poesía social. Nós faciamos unha poesía moi vangardista, non panfletoide. Conectabamos as palabras con imaxes, faciamos performances que chamabamos recitais poéticos musicais. Eran actividades de extensión da poesía fóra dos libros”.

Ademais, empregaron dende sempre a poesía en galego. De feito, cando lles facían entrevistas, preguntábanlles por que apostaban por esa lingua.

A pesar destes fitos na literatura e arte galegos, a principios dos 90 pasaron a ser uns “malditos”, comenta ensombrecido Reixa. “Empezouse a normalizar a literatura en galego e empezaron a destacar os poetas do amor romántico. No 1983, deixamos a escena literaria que xa era moi aburrida. Curiosamente, pasaron os anos e sentímonos identificados cos poetas novos de Galicia. Agora sentimos unha afinidade coas novas voces, non nos sentimos raros”, o que fai que esa espiral da historia da que falaba no arranque desta nova os abrace de novo.

Rompente actuará en Madrid despois de 40 anos da súa disolución e tras reaparecer no Festival Kerouac de Vigo, editar o libro “Que hostia din os rumorosos?” (Editorial Elvira) e ofrecer varios recitais na rúa así como no MARCO da cidade olívica.

Mañá venres, no Museo Centro de Arte Reina Sofía Antón Reixa e Manolo Romón –Avendaño non acudirá por estar convalecente dunha operación– agasallarán cun recital. Ademais, haberá intervencións nun seminario de Jabois, Menchu Lamas, Alba Cid ou Calvo Ulloa, entre outros. “Nunca pensamos que chegarían a facer teses doutorais sobre nós, nin estudos nin seminarios”, comenta Reixa.

A vindeira cita será o vindeiro mércores no Círculo de Bellas Artes de Madrid coa performance “Algo que llevarse a la boca” –en castelán pero tal cal a que representaran no MARCO– e a presentación do libro en castelán.

O artífice do acto no Reina Sofía é o vigués, de Coia, Germán Labrador, que tamén intervirá na xornada e quen a xustificou ao sinalar “que se fan 40 anos dese momento e porque estamos na Semana das Letras Galegas”.

Labrador indicaba onte a este diario que “o momento Rompente hai que entendelo como a intensidade dunha época, unha ruptura besta co xeito de facer naquel tempo, unha creba que segue sendo produtiva hoxe. É como un buraco negro que segue emitiendo readiación sobre o presente”.

Dende o Reina Sofía, “interésanos, explica, non só como grupo poético vencellado a figuras culturais coñecidas senón tamén por ese intre de fábrica de ideas e propostas atrevidas en termos poéticos, fanzines, performances e escena musical”. “Non só nos fixamos no mito de Rompente, senón no legado”, conclúe Germán Labrador.