A recuperación do galego para a literatura e outras esferas sociais así como da súa tradición cultural non foi un milagre espontáneo despois de décadas de represión brutal no franquismo. Esta é a principal mensaxe que se trasladou onte no coloquio que mantiveron no Club FARO Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo. Este último recalcou: “Nos seminarios a represión lingüística do galego foi feroz”.

Monteagudo presentaba o seu último libro de ensaio, “O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización” (Galaxia). Presentouno o director de Galaxia, Francisco Castro; mentres que o académico Xesús Alonso Montero lle plantexou as preguntas.

Sinalou Monteagudo –tamén académico da Real Academia Galega– que “o capítulo máis sorprende” que tivo de investigar e escribir para este libro foi o dedicado á Igrexa.

Montero, pola súa parte, observou que, a diferencia do acontecido en Euskadi, en Galicia o clero non estaba polo labor de apoiar o galego nos primeiros anos do franquismo.

Isto sufríano os seminaristas, especialmente de Lugo e Ourense, onde vivían acotío episodios que os empuxaban a deixar o galego de lado. Os participantes no Club FARO de onte lembraron como Margarita Ledo, na presentación do libro, rememorou unha anécdota de Manuel María. O escritor relataba que cando estaban a xogar ao fútbol, se algún dos nenos se expresaba en galego, de xeito automático, o árbitro sumaba un gol ao equipo contrario.

Recordou Alonso Montero que os escritores da súa época comezaron a escribir en castelán. Mesmo foi o caso de Manuel María. “Era a sociedade a que prohibía” escribir en galego, xa que non había unha lei que o prohibira. Existía unha razón poderosa: o medo, coa mente posta no recordo dos represaliados. Isto uniuse ao que pensaban as clases dirixentes de que “o galego non tiña que ver co progreso”, indicou Montero. “Houbo moita xente de procedencia republicana que chegou a caer na trampa deste mantra que fixo circular o franquismo”, engadiu este estudoso que tamén recoñeceu que “foi educado desta maneira” e que mesmo chegou a “interiorizar o eslogan da unidade da patria” española onde non había oco para o galego.

Sen dúbida, foi a editorial Galaxia a forza que dinamizou e que foi chave na recuperación. Así, o defenderon os participantes de onte no Club FARO. “Agora que temos perspectiva histórica, o de Galaxia foi un milagre que hai que entendelo a partir das características persoais dos protagonistas de Galaxia. Ramón Piñeiro, Xaime Isla, Otero Pedrayo, Fernández del Riego e Fermín Penzol foi un pentateucro que non tivo fillos”, indicou Alonso Montero quen engadiu que este dato “é fundamental”.

A importancia radica en que ao non ter fillos polos que preocuparse, podían canalizar esforzos, expectativas e diñeiro na causa a prol de Galicia, o galego e a súa cultura mesmo superando o medo a ir á cadea. “Non se entende Galaxia se non se ten en conta que o pentateucro fundacional seu eran persoas que non tiñan fillos e podían arriscar máis que outros que si os tiñan”, engadiu.

Ao respecto, Monteagudo agregou que eses cinco persoeiros foran criados na República, eran fillos da revolución cultural, da liberdade, dos valores de progreso. “Sabían que se non daba o paso alguén, a cultura galega extinguiríase. Eles sentiron a responsabilidade de darlle continuidade a unha tradición cultural que dependía fundamentalmente do que eles fixesen”, apuntou o autor de “O idioma galego baixo o franquismo”. Castro engadiu que “é un libro que marca un antes e un despois neste tipo de investigación. Xa está a segunda edición”.

Director de Grial, académico e profesor

Henrique Monteagudo naceu en Muros no ano 1959. Actualmente é profesor da Universidade de Santiago. Ademais é académico da Real Academia Galega (RAG). No ano 2017, publicou “Historia social da lingua galega”, inda que tamén ten realizado investigacións sobre Martín Codax, os cancioneiros dos trobadodres, ademais doutros sobre Rosalía de Castro, Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e Carlos Casares.

En “O idioma galego baixo o franquismo”, resalta na apertura de Xesús Alonso Montero que é “un facho da resistencia”. Tamén destaco as frases que rescata de Ramón Piñeiro escritas por el dende o cárcere de Yeserías, Madrid, no ano 1948. Alí, deixou escrito: “Teremos folgos para acometer con alta cobiza e rexa vontade a empresa de superar a nosa actitude tradicional de pasivo lirismo cunha nova actitude de máis resonancias épicas? Iso sería entrar de novo na Historia, que é a meta irrenunciábel dos pobos que teñen conciencia de si mesmos”.

Quizais para revertir o que dicía Piñeiro nunha carta de que “o mal crónico do pobo galego” era a “falta de conciencia e de vontade históricas”, Monteagudo fai un percorrido pola situación da lingua, a disglosia, a represión contra a cultura galega e a situación actual. Nas páxinas finais fai fincapé nos obxectivos da Lei de Normalización Lingüística: conseguir a completa normalización do galego.