Manuel Murguía

99 anos do gran precursor

“O galeguismo de hoxe quéirase ou non vén de Murguía”, do que se cumpre case un século do seu pasamento

Á esquerda, retrato de Manuel Murguía. Á dereita, Murguía, con Rosalía e os fillos en A Matanza.  / JUAN PALMEIRO

Á esquerda, retrato de Manuel Murguía. Á dereita, Murguía, con Rosalía e os fillos en A Matanza. / JUAN PALMEIRO

Mar Mato

Mar Mato

“O que se entende hoxe por galeguismo, o galeguismo de Galaxia, do Bloque, das Irmandades da Fala, da revista Nós, quéirase ou non vén de Murguía”. Deste xeito tan explícito e contundente, definiu onte o académico da RAG Xesús Alonso Montero a figura de Manuel Murguía. Facíao onte, xusto na xornada na que se cumpría o 99 cabodano.

O 2 de febreiro de 1923, pechaba os ollos na cidade da Coruña o xornalista, escritor e político, un home que malia as súas investigacións e textos sobre Galicia en historia, prehistoria, arqueoloxía, as súas novelas e poesías pasou á memoria colectiva de maneira primordial como o marido de Rosalía de Castro.

“Murguía benefíciase e por outra parte non se beneficia” de ter sido o home da gran nai das letras galegas, segundo defende Alonso Montero, quen indica que “non sabemos en que resalta e en que o eclipsa”.

Alonso subliña que Murguía axudou moito a Rosalía nos seus primeiros anos de escritora, animándoa a escribir, a publicar. Non obstante, como calquera figura a analizar, hai espazos biográficos sen completar.

“El foi o apoio vital dela no principio da súa carreira poética” pero “hai lagoas na relación entre Murguía e Rosalía. El tiña un pensamento que hoxe en día o feminismo non aplaudiría. Dicía que as mulleres non tiñan biografía. El era un fillo de seu tempo”, apunta o académico vigués.

Murguía, con Rosalía e os fillos en A Madroa

Murguía, con Rosalía e os fillos en A Madroa / Juan Palmeiro

Recoñece que é difícil investigar no elo de ambas as dúas figuras e que se ben a biografía realizada por Xosé Ramón Barreiro foi moi completa, el fixouse como fin intentar rechear os buracos para enfiar o periplo vital de Murguía.

Non lle será doado xa que no que corresponde á relación coa autora de “Follas Novas” e “Cantares gallegos” faltan moitísimas cartas que se escribiron. “Determinada correspondencia desapareceu”, indicou para dar un consello: “Hai que ter coidado cos matrimonios, ás veces o home pode ser un incentivo para o traballo intelectual da muller, pero ás veces pode non selo. Cartas de Rosalía quedan poucas, entre outras cousas porque Murguía preocupouse de que algunhas delas desapareceran”.

Recoñece Alonso que “Murguía é máis problemático do que a xente pensa”. A frase é necesaria para ofrecer luz e sombra sobre “o pai do galeguismo” inda que “practicamente non escribiu en galego” nin sequera o discurso co que ingresou na Real Academia Galega (RAG), por certo, entidade pola que el mesmo loito para a súa creación. Nacido nunha aldea de Arteixo (A Coruña), Murguía mesmo chegou a ser presidente da entidade.

Montero, non obstante, aclarou que o seu fin non é ofrecer unha imaxe negativa de Murguía. “Cando pasan cen anos dunha figura, os escritores como no caso de Murguía é moi difícil atopar que teñan vixencia na actualidade”, opinou. “Os escritores son escritores para a súa época”, aclarou. De aí que haxa que decodificar a súa vida tendo en conta o seu momento.

Para Alonso, Murguía foi un “extraordinario escritor” e “o gran concienciador de Galicia (...); foi o gran descubridor das coordenadas históricas e culturais” do país. “Todo o que vén despois, a Xeración Nós, Irmandades da Fala, Galaxia... están en débeda con Murguía”.

Entre a súa obra, destaca “Los precursores”, unha semblanza de Rosalía e Pondal, entre outros, como precursores do Rexurdimento.

Suscríbete para seguir leyendo