Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ledicia COSTAS | Escritora que publica nova novela para adultos, “Golpes de luz”

“Somos fillas e netas dunha xeración que desapareceu pola heroína”

“Un dos personaxes da nova novela está inspirado na miña propia avoa” que ten alzhéimer; “non sei como se tomará certas escenas”, avisa a escritora viguesa

Ledicia Costas.

Ledicia Costas regresa con nova novela, “Golpes de luz”, que Xerais en galego e Destino, en castelán, poñerán nas librarías en días. Nesta nova obra –tamén vén de sacar do prelo “Os Minimortos. O día dos vivos” para os máis pequechos– adéntranos no tema dos coidados, o acoso escolar e o narcotráfico. Polo teléfono, amósase feliz de voltar para o público adulto despois de “Infamia” pero tamén con “nervos” pola chegada do Nadal. “Xa puxen varias veces xerseis de reno, xa merquei turrón, xa estou a facer acopio de cousas e quero agasallos e festa. Creo que o merecemos”, confesa co sorriso na voz.

–Cal foi o primeiro latexo para construír “Golpes de luz”?

–É unha novela que levaba moitos anos dentro de min pero non sabía como contala. Quería falar de cousas tan diferentes que por iso precisei tres voces distintas para facelo. Quería escribir sobre as avoas; sobre a miña avoa que é moi peculiar; do lugar de Vigo onde eu nacín que é un barrio de Lavadores que se chama Brea Muiñeira; dos coidados; de como vivín eu nese barrio os anos 90 que foron os máis duros da heroína. Quería falar de todo isto pero con humor. Atopar o rexistro e o mecanismo para facelo levoume moitos anos.

–É a primeira vez que unha novela súa sae ao mesmo tempo en galego e castelán (tradución da propia Ledicia), como se sente?

–É moi ilusionante. Con máis de 25 libros publicados hai algo que o público que teño sabe e é que cada novela que saco é un reto con respecto á anterior. Agora con “Golpes de luz” volvo a ser fiel a escribir novelas desde a honestidade e o convencemento de que teño que intentar sorprenderme a min mesma e ao público e saír da miña zona de confort.Levamos un ano e medio vivindo esta pandemia da que aínda non saímos. Necesitaba unha novela chea de esperanza, humor.A sociedade necesita historias así, bastante drama vivimos nos últimos tempos.

–Algúns dramóns si que ten...

–Tes razón (risotada), estou facendo un pouco de trampa. Si, a historia é un dramón pero contado dun xeito que non o parece.

–A avoa protagonista bebe en certo xeito da súa avoa da que nos fala no Twitter?

–Luz é unha muller de ficción, un personaxe claramente inventado pero inspirado na miña propia avoa. Hai episodios da novela protagonizados por Luz que viviu a miña nai, que é a coidadora. Son situacións que dan pé ao humor porque son disparatadas pero tamén é un drama co que convivimos. O peso dos coidados seguimos soténdoo as mulleres maioritariamente.

–Porque a súa avoa está diagnosticada da doenza do alzhéimer.

–Está diagnosticada de alzhéimer e a súa vida e a súa retranca ben merecían unha novela. Ela chámase Rosa. Aínda non lle confesei que aparece neste libro. Vaino saber e teño que adiantarme para dicirllo. Non sei como se tomará certas escenas do libro!

–O utro protagonista é Sebas, un rapaz cun universo máxico interno especial e que é vítima de mobbing e da separación de seus pais.

–Un dos meus tesouros máis valiosos é falar dende as voces dos nenos e construír universos infantís. Ese universo máxico que acabas de describir é un dos eixos centrais do libro. Poténciase pola relación que ten coa súa avoa, da que pensa que é Thor porque está obsesionada co seu martelo e non se separa del. Son nenos de dez anos que teñen que afrontar cousas durísimas. É unha novela tamén sobre a perda da inocencia e de como os nenos se ven obrigados a convivir coas cousas sucias e inmorais do día a día.

–Tamén está Xulia, unha nai que sente que os anos a atropelan.

–A novela fala das problemáticas das mulleres que somos seres humanos que temos que afrontarnos a cousas para as que ninguén nos prepara como unha separación. Parece que a sociedade nos reservou un plano secundario e cando te das conta parece que os anos te atropelaron. Tomar conciencia diso é durísimo. As mulleres merecemos que se fale diso.

–A verdade para vostede é un ben máximo ou como ás veces pode facer dano é mellor apartala?

–Eu creo na verdade por riba de todo. Se de algo lle estou agradecida a meus pais é que foran coa verdade por diante. Moitas veces dínselle mentiras aos nenos para protexelos. Non estou segura de que esa sexa a mellor opción.

–Tal e como sinala un personaxe no libro, a vostede gustarialle quedar na nenez para sempre?

–Eu considérome unha privilexiada. Eu quedei aí constantemente grazas aos meus personaxes. Por iso escribo libros infantís. A infancia pode ter un territorio moi cruel pero tamén ten algo máxico que nunca regresa.

–Dixo Murakami nunha entrevista que escribir unha novela longa supón un “esforzo enorme” con “sensación física de dalo todo”.

–Absolutamente. Eu acabo baldada non só a nivel psicolóxico senón no físico. Alguén dirá: Pero se estás sentada a escribir! Si, pero estás na mesma posición horas, semanas, meses. Tamén é certo que me obsesiono cos libros que escribo. Necesito meterme ao 100%. Teño noites de insomnio cando nunha trama non atopo a peza que falta. Non obstante, para min a literatura é un xeito de vida e un acto de liberdade.

–A obra tamén presenta o problema do narcotráfico e as consecuencias da droga. Tivo algún caso na súa contorna que a marcara por sufrimento polas drogas?

–Si, o meu padriño morreu de sobredose no ano 1990 ou 1991, eu tiña once anos. Atopárono no cuarto de baño dun bar vigués e uniuse a ese grupo de mozos dunha xeración desaparecida por culpa da heroína. Na miña casa moitas veces relataban como os amigos del foran ao enterro para pouco despois a maioría ocupar nichos ao seu carón. É unha historia terrible, desoladora. Somos fillas e netas dunha xeración que desapareceu pola heroína. Iso marca. –Pensa que á xente que trafica ou menudea fáltalle o debate moral interno sobre as consecuencias do que fai? Pregúntoo polas cuestións que se plantexan no libro. –É tan complexo. Hai tantas categorías de persoas que se adican ao narcotráfico que non se pode establecer unha verdade absoluta ao respecto.É un dos principais males de Galicia e do mundo. Moitas persoas tivemos que vivir escenas para as que non estabamos preparadas. Lembro nunha ocasión no barrio onde está ambientada a novela que ía por un camiño coa miña nai e avoa e non podiamos pasar porque había un mozo que acababa de picarse a dose e estaba tirado no medio do camiño. Tivemos que saltar por riba del. Eu tería 13 anos.

Compartir el artículo

stats