A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte a entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021 no Pazo de San Roque de Santiago.

O proxecto premiado na modalidade de traballo de investigación realizado por investigadores sénior céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. O equipo galardoado está formado por Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez González, da Universidade de Vigo (UVigo), entre outros. O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos menores de 30 anos foi para o traballo “Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo” composto por Sandra Robla, da USC; e Maruthi Prasanna, entre outras.