Emilia Pardo Bazán xa ten camelia co seu nome e así será rexistrada ante a Sociedade Internacional da Camelia. A presentación en sociedade foi onte no Castelo de Soutomaior onde se incorporou a devandita planta ao Xardín con Nome de Muller.

Nel, xa figuran as plantas cos nomes de María Vinyals,Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa e Juana de Vega.

No caso da camelia Emilia Pardo Bazán, esta foi orixinada a partir dunha semente de Camelia xapónica na Finca Chazo de Boiro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou a “extraordinaria decisión de celebrar este acto neste Castelo de Soutomaior que Emilia Pardo Bazán visitou tantas veces e coa profunda relación que mantivo cunha muller tan excepcional como María Vinyals, dúas mulleres universais e excepcionais”.

Esta camelia presenta unha flor de tamaño medio-grande. O seu diámetro sitúase entre 8 e 11 centímetros, mentres que a profundidade atópase entre os 4 e 4,5. A súa cor é un vermello intenso, que se presenta en preto de 50 pétalos.

A presentación da nova camelia realizouse dentro dun acto de conmemoración polo centenario do falecemento de Pardo Bazán ao que asisteu, ademáis da propia Silva, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que resaltou “a implicación persoal da presidenta provincial en todo aquelo que ten que ver con este Castelo”.

Carmela Silva, que agradeceu a Carmen Salinero o seu traballo por facer posible que a camelia sexa tan potente nesta provincia, apelou a forte relación que uniu a Pardo Bazán coa provincia de Pontevedra. “Amaba esta provincia, da que falou tanto da súa historia e paisaxe pero tamén da súa modernidade. Emilia Pardo Bazán era das nosas. Estamos moi orgullosas e orgullosos da súa figura, que as mulleres temos como unha grande referencia”, sinalou a presidenta.

A homenaxe da Deputación á escritora completouse con outros actos. No Salón do Tapiz do Castelo de Soutomaior, a historiadora Silvia Cernadas afondou nunha charla na que tratou o vencello de Pardo Bazán coa provincia pero tamén co propio Castelo, que visitou en varias ocasións debido á súa relación con María Vinyals.

Cernadas incidiu en que ambas figuras “comparten as súas inquietudes intelectuais tanto en relación á literatura como ao feminismo” e tamén no feito de que esta relación foi estreita aínda que a documentación sobre esta amizade na prensa e nas crónicas sociais é escasa, ao citar só a visita que fixo a autora coa súa filla Carmen en 1913 ao Castelo, onde entón estaba instalado o Sanatorio Lluria.

O acto finalizou coa actuación de danza contemporánea da bailarina Ana Beatriz Pérez,coa peza “Amapro ao seu lado”.