Cando se conmemora o 800 aniversario do nacemento de Afonso X o Sabio, a Real Academia Galega reclámalle a Patrimonio Nacional que siga os pasos doutras moitas bibliotecas en materia de difusión dos seus fondos e comparta na rede os dous códices do inspirado poeta en galego –autor dun dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, as Cantigas de Santa María– e que están custodiados no Escorial. “É chegado o momento de que o público interesado, ademais dos e das especialistas, teñan acceso libre a estes códices, a través de reprodución dixital dispoñible en aberto na web”, expresa a institución. Patrimonio Nacional débello –conclúe–“á cultura galega, á cultura hispánica, á cultura europea e universal”.

A RAG contactou en xaneiro con Patrimonio Nacional solicitándolle a posta a disposición pública na Rede dos chamados Códice Rico e Códice dos Músicos. Nunha breve resposta, Patrimonio Nacional limitouse a indicar que a dixitalización das obras de Afonso X se contempla na súa programación cultural e que está a expensas do desenvolvemento da planificación institucional, sen suxerir data ningunha para a súa difusión.

A colección das Cantigas de Santa María (máis de catrocentos cantares en lingua galega) chegou a nós en catro códices elaborados nos tempos do propio rei (s. XIII). Un dos volumes, o Códice de Toledo, atópase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse no sitio web da institución; outro permanece na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia), e tamén está dispoñible na Rede; e os outros dous atópanse na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.