Vigo, epicentro do 'día grande' adicado a Xela Arias

Tamén se celebrará no auditorio vigués o concerto de PicoAmperio e Laura LaMontagne | Un espectáculo fará realidade o desexo da creadora de levar á escea “Intempériome”

Dir. de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; a pres. do CCG, Rosario Álvarez Blanco; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o pres. da RAG, Víctor F. Freixanes e o fillo de Xela Arias, Darío. | //P. HERNÁNDEZ

Dir. de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; a pres. do CCG, Rosario Álvarez Blanco; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o pres. da RAG, Víctor F. Freixanes e o fillo de Xela Arias, Darío. | //P. HERNÁNDEZ / Pablo Hernández

Elena Ocampo

Elena Ocampo

O acto central do 17 de maio da Real Academia Galega (RAG) celebrarase no Auditorio Mar de Vigo. A sesión plenaria extraordinaria do Día das Letras Galegas dedicada a Xela Arias (1962-2003) farase na cidade na que viviu a poeta, tradutora e editora dende os sete anos ata a súa morte, a unha idade moi temperá. Asimesmo, o día previo, 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne. En colaboración co Concello de Vigo, esta actividade tamén se celebrará no auditorio Mar de Vigo.

O IES Castelao de Vigo, onde estudou Xela Arias, acolleu onte a presentación do programa, nun acto ao que tamén asistiu o fillo da autora, Darío Gil Arias –así como outros familiares directos– e que promoverá a mostra fotográfica “Tigres coma cabalos” con preto de 50 pezas. A exposición chegará a Vigo (Museo do Mar) e Santiago xunto a reedición da obra en formato catálogo.

Un momento da presentación dos actos do Día das Letras Galegas, no IES Castelao de Vigo

Un momento da presentación dos actos do Día das Letras Galegas, no IES Castelao de Vigo / Pablo Hernández

O ano de Xela Arias estenderase por Galicia cun amplo programa para todos os públicos e con ata medio cento de iniciativas, presenciais e en liña, que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico. Entre as máis novedosas destaca un proxecto de ‘videomapping’ que proxectará versos e imaxes de Xela Arias en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, aproveitou para facer memoria e lembrar que o que comezou en 1963 como un acto académico, converteuse nunha festa social. “Fronte aos petrucios, Xela Arias representa as novas xeracións. Ela apostaba pola modernidade e supón un convite a dialogar co todo o que significaba a contemporaneidade” engadiu. Haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta que se trata da segunda conmemoración das Letras Galegas condicionada pola pandemia da COVID, trala homenaxe a Ricardo Carvalho Calero o pasado 2020.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, onte en Vigo

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, onte en Vigo / Pablo Hernández

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou que se trata dunha programación “completa e variada” que fará posible divulgar en Galicia e fóra dela o “enorme legado” de Xela Arias, unha muller, afirmou, “pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora”. Como o proxecto “Vencerse é cousa de se tratar”, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra “Intempériome”, un proxecto que nunca puido ver cumprido. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou: “Hoxe presentamos un programa con medio cento de actividades, pero a medida que vaia transcorrendo o ano haberá moitas máis que non caberán nunha ducia de folletos coma este”, avanzando novas iniciativas que se irán perfilando co ano.

"Xela Arias foi unha muller pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora"

Román Rodríguez

— Conselleiro Cultura

Froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista abrangue no eido artístico: a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. "Asinamos ser libres", que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou "Aquela nena de Sarria", que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense.

MEDIO CENTO DE ACTOS

“Asinamos ser libres”

Exposición que fará parada en dez concellos galegos con detalles da vida, obra e historia.

“Tigres como cabalos”

Mosta fotográfica con preto de medio cento de pezas inspirado no poemario homónimo. Visitará Vigo e Santiago .

Fotogalerías

“Xela Arias. Retratos de autor”. No Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería de 30 imaxes de Xulio Gil.

“Vencerse é cousa de se tratar”

nclúe un espectáculo poético-musical coa súa derradeira obra I”ntempériome”

Videomapping

Proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios de Galicia.

Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.

De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa "Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor". Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas. Onte na presentación estiveron parte da familia de Xela Arias, como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío ou a súa parella, Xulio Gil.

Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas, nas que desde a Consellería de Educación se ofrecerá ao profesorado non universitario ferramentas para abordar a figura da artista nas aulas ou o simposio organizado en novembro pola Xunta e a Real Academia Galega (RAG) centrado na súa figura e dirixido fundamentalmente a profesorado de lingua galega e literatura dos distintos niveis educativos.

A Xunta, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional.

O Concello reeditará un texto

Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios, obradoiros e conferencias da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron. Pola súa banda, o Concello de Vigo reeditará un texto feito por Xela Arias aos 9 anos (“O meu pobo”), aparecido na biblioteca Penzol, e tamén colocará unha praca na casa na que viviu a familia da poeta.