Creo poderosamente no valor das verbas. Esperanza é a verba que respiraban as redes sociais o pasado fin de ano. Coma os nenos que agardan a presenza milagrosa dos Reis Magos. Pero o 2021 chegou e todo segue igual. Teño unha filla illada a pesar dunha PCR negativa, que nos dou tranquilidade e pouco máis. Quitounos a súa compañía e fíxoa escoitar o son das campás a través dos nosos móbiles. Biquei a pantalla do meu iPhone coa mesma intensidade que se a bicase a ela, que pechada na súa habitación nin entende nin quere entender o significado da verba resiliencia. Os políticos pídennos paciencia, responsabilidade e conciencia. Verbas con significados poderosos que os políticos repiten sen cesar. Verbas que debuxan o camiño para conducirnos ao destino desexado por todos nós: a normalidade. Aquí temos outra verba que mudou o significado. Eses políticos que nos esixen sacrificios nin sequera foron quen de inventar unha nova verba para este escenario distópico de máscaras, xel hidroalcohólico e desinfectante: incapaces de atopar unha verba que defina esta realidade denominárona así: nova normalidade. É case un insulto á nosa intelixencia. Nada é normal, e co paso dos meses deixou de ser novo.

O camiño ata a normalidade ( a nosa, a de sempre) é un camiño austero, árido, e custa, sobre todo para esta sociedade que hai moito que abrazou o hedonismo coma nova relixión. O 2021 non borra o pasado. Non hai poción máxica. Segue a demandar sacrificio. Tamén debemos interiorizar estoutra verba.

Sigamos pois a bicar as pantallas dos nosos móbiles ata que eses científicos aos que nunca lembramos veñan a sacarnos deste via crucis. Porque nada mudou co novo ano. Seguimos aquí, no camiño da prudencia, do coidado, de paciencia estoica.

Pero sobre todo, lembremos a verba que nos protexerá de toda estea tolemia: Medo.

Por favor, sigan a ter medo. Poñamos en valor a nosa covardía e o nosa prudencia. Non o dubiden. Mentres teñamos medo estaremos a salvo.

*Escritora