A terceira xornada “TurisTIC” organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrada en formato on line e moderada pola xornalista Yolanda Vázquez, foi seguida por máis de 1.100 persoas ao través da canle de Youtube e das redes sociais , conseguindo unha media de visualización de ate 57 minutos por persoa. No debate, trazáronse os retos, tendencias e oportunidades de futuro, que pasan por un turismo intelixente no que a sostibilidade será fundamental, e pola dixitalización plena do sector para chegar con máis eficacia ás viaxeiras e viaxeiros e ofrecer mellores servizos a través das novas tecnoloxías. No novo escenario tamén resultan imprescindibles as sinerxias para ofertar paquetes de produtos entre distintos axentes e segmentos da cadea turística; así como a coordinación das entidades públicas e privadas. Nesa liña, as alianzas para innovar e optar aos importantes recursos europeos destinados á recuperación da economía saíron á palestra.

Na apertura a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou: “Hai que cooperar para recuperar a confianza, cambiar o modelo, ampliar a oferta, adaptala á Axenda 2030 e ter en conta os fondos europeos: é un momento durísimo pero nunca houbo tantos recursos”.