"Ata que pasa a semana entre San Xoán e San Pedro, os viticultores galegos, convertidos en cazapragas, non volvemos a ser persoas", explica Roberto Rivas sobre o complicado que é o mes de xuño no campo. A piques de despedilo, o presidente da Asociación Galega de Viticultores (AGV) repasa a actualidade do sector e prognostica unha colleita óptima para 2019 en Galicia. Iso, "se non hai ningún problema a partir de agora", insiste coa precaución propia de quen é viticultor.

-Que tal está a viña neste intre?

Xa pasou floración, que é a peor época, e pasou sen grandes problemas aínda que con diferenzas por zonas: en parte do salnés, por exemplo, parece ser que ten habido algo de mildeu. Con todo, se todo segue como ata agora, parece que este vai ser un ano bo e tranquilo.

-Un consello para estes días

O tempo continúa cambiante, hai que seguir antento á viña, pasear moito, fixarse nas cepas e, ao primeiro síntoma, tratar. A situacion pode cambiar dun día para outro de forma bestial.

-Como se presenta a colleita?

Apunta maneiras, será entre boa e moi boa. Por cantidade, moi boa e por calidade, seica vai vir un vrau moi cálido e seco pero, coas chuvias destas semanas, cabe pensar que a planta vai ter reservas para aguantar ese calor do que falan os expertos e madurar de forma óptima.

-Por que nace a AGV?

Chegou nun momento no que o sindicalismo agrario viu que todos tiñamos que turrar do mesmo carro. Viticultores, adegueiros, sumilleres, mesmo restauradores? Temos que ir todos na mesma liña e foi o que intentamos: facer unha ferramenta transversal para o sector.

-Cumpre dez anos, en que ten mellorado a viticultura galega neste tempo?

Mellorou moitísimo a nivel técnico. En canto a profesionalización, é o sector punteiro do agro galego. Xa non mellorou tanto en prezos, onde estamos perdendo competitividade.

-Son os prezos da uva unha das actuais preocupacións da AGV?

Está claro. A uva ten un problema, negocias a compravenda e apáñala nunha semana. Cando a tes colgada na parra e, se te apretan moito do outro lado, véndela polo que che dean. Eu penso que ten que haber uns contratos regulados, que defendan uns prezos xustos e por encima dos custos de produción porque, ás veces, están por debaixo.

-Que outros retos ten o sector?

O que veña de Europa dános certo medo. Por exemplo, estamos totalmente en contra de que se poida elaborar viños dentro de D.O. con variedades de uva híbridas. Isto é un atraso para nós porque aquí temos unha xoia, que son as nosas variedades autóctonas. Despois, tamén é un problema que se poidan elaborar viños desalcoholizados dentro de D.O. O futuro dos nosos fillos pasa por Europa.

-Por que?

O viño desalcoholizado non é viño. Isto pode desnaturalizar a esencia do produto e dar entrada ao país a certos operadores que poderían desestabilizar un mercado coma o noso. En Europa, buscan grandes producións e aquí temos moito traballo manual. Isto é o que nos pon no mercado como viños recoñecidos, se quitamos o factor humano, vamos apartarnos do que sorprende fóra dos nosos viños, que é a autenticidade.

-Fala de novas xeracións, hai un problema co relevo na viticultura?

É certo, en Rías Baixas menos, pero na Galicia do interior... Hai que apoiar a incorporación de mozos, poñerllo fácil e, sobre todo, dignificar o traballo no viñedo e pagar a uva. Non só para frear o despoboamento do rural, senón tamén para conseguir que veña xente de forá para aquí.

- Anima aos mozos a embarcarse en proxectos vitivinícolas?

Si. É un traballo moi digno, pódese vivir da viticultura e penso que hai moito futuro. Os viños galegos teñen moito futuro.

-Como chegou vostede ao mundo da viticultura?

Un dia lin nun xornal que os licenciados en Historia somos os que mellor nos adaptamos ao mercado laboral: claro, que remedio! do noso non ía haber... (Ri).Eu cheguei porque o meu pai enfermou e había que facer algo coa explotación familiar. Decidín collela eu.

- Asusta o cambio climático?

Asusta, si. Cada vez temos que facer vendimas máis temperás, teremos que empezar a pensar se hai que meter regadío nas nosas viñas... Hai que tomar medidas serias, pornos as pilas. Penso que a aposta pola viticultura sostible pasa pola formación e o prezo, volvemos ao mesmo.

-Recentemente, coñeceuse un caso de falsificación de viño na D.O. Bierzo, segue preocupando o fraude no sector?

Non o lin, pode ser. O do fraude é como un unicornio: todo o mundo fala del pero ninguén o viu. Eu penso que non é un problema dos viños galegos, facemos as cousas bastante ben e con sensatez. Pode haber algún cafre no medio, si, pero para iso están os corpos que se encargan de poñelo no seu sitio.

- O momento que viven os viños galegos?

É glorioso. Curiosamente, máis a nivel internacional ca interno, onde seguimos tendo problemas nalgunhas cidades coa Rioxitis e a Riberitis. Cada vez que vamos tomar un viño, estamos realizando un acto lúdico pero tamén podemos facer un acto social.