Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Romaní: "As redes sociais non son a solución ós desafíos da visibilidade da cultura galega"

"A situación do galego é preocupante (...). É preciso desenvolver alternativas que corrixan a deriva da situación actual do idioma"

Ana Romaní. // Xoán Álvarez

Ana Romaní (Noia, 1962) confesa que non é "persoa de institucións". Nos seus soños, engade, nunca estivo formar parte da Real Academia Galega (RAG); pero dende hai uns días ocupa a cadeira de Xohana Torres o que, para ela "ten un significado especial". Falamos dunha muller que recibiu a finais do ano pasado o Premio Nacional de Periodismo Cultural do Ministerio de Cultura xusto cando a dirección da CRTVG decidía esnaquiza-lo Diario Cultural, o programa que ela levaba coordinando dende 1990 na RadioGalega. Romaní ten corazón poeta e non ten medo. Apoia dende antes do premio as protestas da Plataforma Defende a Galega que denuncia censura na CRTVG e que recibiu o Premio Couso de Liberdade de Prensa.

"No discurso de ingreso, eu falaba -explica- do que deberían se-los medios públicos: modelos de información e comunicación para un país xa que o galego vai máis alá de ser unha lingua de uso. Somos o idioma e non a súa tradución. Isto quere dicir que os medios públicos deberían dotarse de modelos propios, de programación e deseños de contidos garantindo sempre a independencia. Iso é un reto. Máis alá diso o que podo dicir é que os venres me poño unha camiseta negra (co lema Defende a Galega) e formo parte das persoas que vestimos de negro (dos traballadores da CRTVG que piden o cese da censura na canle autonómica).

- Custa imaxinar uns medios libres neste país.

-Pero temos que realizar grandes exercicios de imaxinación. As cousas poden ser. Os medios públicos galegos son resultado dun soño, están feitos coa materia dos soños, temos que seguir soñando e pensar que os soños poden ser posibles. Temos esa responsabilidade.

- No ingreso da RAG falou de que a información cultural vira cara a propaganda.

-Na información cultural, faise moi evidente a gran mutación que o mercado está imprimindo nos medios. Imaximenos un gran bazar con coridos andeis e o ritmo vertixinoso e machacón das grandes superficies comerciais. A cultura está aí metida entre formas de vida, moda, tendencias, axendas? Non é tanto o lugar secundario que ten senón o tratamento mercantilizado que recebe. A espectacularización da cultura baila ó mesmo ritmo có resto da información. Ás veces, a información cultural afoga na promoción.

- Ten medo de entrar na RAG e esquecer as súas arelas?

-Pensar que eu vou mudar algo na Academia sería un exercicio de soberbia que non quero. Simplemente, vou intentar mante-la miña liña de traballo, o meu compromiso feminista porque obedece a unha posición do mundo. A Academia é unha institución cunha forte carga simbólica que foi evoluíndo con épocas e direccións.

- Que opina da desgaleguización da sociedade?

-Eu creo que hai un proceso moi preocupante respecto da situación do idioma e da lingua. Nese sentido, é preciso motivar dende o tecido social e dalgunha maneira unha certa reflexión desenvolver algún tipo de acción e alternativas que corrixan a deriva da situación do idioma.

- Teño a sensación de que antes se loitaba máis polo galego cando estaba prohibido ca agora.

-Pois, a verdade é que pode parecer iso. Non hai un único factor que explique a situación actual. Todo está incidindo na situación actual do idioma. Non se pode trazar unha única causa, pero é necesario responsabilizarse colectivamente. A situación é preocupante e non é unha opinión subxectiva senón que velaí están os estudos que o testemuñan.

- No discurso falou do 'eu comunal', estáse a perder en Galicia?

-Si, en Galicia e en boa parte do mundo pola primacía do individualismo nunha sociedade mercantilizada, neoliberal, consumista. O futuro pasa por recupera-lo comunal. O modelo social no que estamos sobrevivindo está xerando fondas fendas sociais dunha grande inxustiza e está tamén xerando infelices.

- Vostede tamén falaba do ritmo depredador... Non é moi amiga das redes sociais.

--Teño Facebook pero non son activa, utilizábao durante un tempo para uso profesional. Recoñezo a utilidade das Redes; como mecanismos de visibilización, poden propiciar encontro, pero ó mesmo tempo creo que debemos ter unha certa precaución e ollalas dende unha certa distancia porque os mecanismos do sistema son perversos. Non creo que sexan solución para os desafíos de visibilidade social na cultura galega. Poden ser instrumentos útiles pero ás veces as redes sociais poden funcionar como unha especie de espellismo.

- Que siignificado teñen as verbas loita e medo no seu universo persoal.

-De loitar, non me gusta a carga da batalla. Gústame a non renuncia e ter unha posición entusiasta coa vida, traballar polas conviccións. O medo (buag, sic) é moi mala compañía. Só o vexo como elemento de superviviencia básica de todo ser vivo pero máis alá diso... nada.

Compartir el artículo

stats