A TVG ofrece esta noite, a partir das 22.05 horas, o programa especial 'A Noite de Superpiñeiro', que lles permitirá aos espectadores coñecer un pouco mellor un dos presentadores estrela da historia da Televisión de Galicia, ver algunhas das súas mellores actuacións musicais e percorrer con Xosé Manuel Piñeiro os diferentes momentos da súa carreira profesional na Galega.

Coa intervención de amigos e compañeiros do mundo da televisión e tamén do mundo académico, coñecerase un pouco mellor o Piñeiro mestre e o Piñeiro amigo. Antigos compañeiros da Universidade Laboral de Ourense, onde traballou, colaboradores de moitos dos seus programas, tanto da Radio Galega coma da Televisión de Galicia, e artistas e músicos amosarán un Xosé Manuel Piñeiro descoñecido polo seu público.

Diana Nogueira, Paula Pérez e Isi lembrarán o seu paso polo mítico 'Supermartes'. Sonia López, Inma Morandeira e Juan Fuentes falarán da época do 'Acompáñenos'. Lucía Pérez, Tonhito de Poi e Sevi Martínez contarán as súas experiencias con Piñeiro en programas coma 'Téquele, Téquele' ou 'Tequelexou'. Tamén, do seu papel coma xurado no concurso de Recantos de 'Luar', darán testemuña Tania Fuegho e Manuel De Andrade, Xosé Ramón Gayoso e moitos máis amigos e compañeiros que quixeron falar da súa relación con Pi.

Superpiñeiro deixou temporalmente a pequena pantalla o pasado outono por mor dun cancro. O mesmo presentador alaricense falou da súa doenza en "Luar" para evitar especulacións coa súa ausencia da canle. Dixo que debía retirarse de diante das cámaras por culpa dun mieloma múltiple.