Dende o Consello da Cultura Galega, unha voceira indicou que "o Consello fixo unha xornada para celebra-lo 150 aniversario da táboa periódica. Nese marco, decidiron presenta-la táboa (do Consello, RAG e Xunta). Os científicos si sabían doutras iniciativas como a de Pilar Rodríguez, de feito, o Consello agradece o seu traballo. Pero, o que se quería era achegar un material científico en galego para toda a cidadanía con acceso aberto e de balde. Non se trataba de se-los primeiros ou os segundos. Si é certo que é a primeira que se valida a nivel lingüístico, que é a primeira oficial completa... Non hai intención ningunha de desatende-lo traballo de Pilar Rodríguez. Non había intención de roubarlle protagonismo nin de asumir nós o liderado". Non obstante, recoñecen que, se cadra, "si que houbo algo de confusión na presentación".

A pesar de ter coñecemento os científicos do Consello da táboa de Pilar Rodríguez, non foi convidada nin á presentación nin as charlas sobre o 150 aniversario da achega de Mendeleev. Na nota de prensa, publicaron: "O xofre, o xermanio, o nitróxeno, o osíxeno... son elementos químicos que forman parte da táboa periódica que publicou Dimitri Mendeléiev hai 150 anos. E, desde hoxe, están no noso idioma".

Pola súa parte, Política Lingüística indicou a FARO que "en relación a túa consulta, desde esta Secretaría Xeral, fíxose referencia a que a publicación da táboa periódica en galego era unha nova versión, non que fose a primeira vez que se editaba". Sen embargo, na rolda de prensa, as palabras de Valentín García, secretario xeral, podían inducir a confusión ó calificar a táboa do Consello de "fito" sen nomea-la anterior.