O último traballo discográfico de Luar na Lubre, "Ribeira Sacra" contou con ducias de colaboradores tan eclécticos como Víctor Manuel, Nani García ou Astarot para as 26 cancións do álbum.

Onte, parte deses músicos subiron ao escenario do Teatro Afundación de Vigo no peche da xira galega da formación que lidera Bieito Romero. Membros da Coral de Ruada, Ses, Óscar Rosende, Félix e Castor Castro, Pablo Rosales, e tamén os Felos e madamas de Maceda e Esgos -de fonda tradición etnográfica no entroido- ademais dun afiador e un alfareiro, tamén actuaron coa banda.

Segundo avanzou Romero a FARO, "as miñas orixes están na Ribeira Sacra", ao tempo que destacou o labor de recolleita de sons naturais e testemuñas que enriqueceron o traballo musical.