Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máis de 2.200 obras chave da cultura galega están en risco no Centro Gallego de Bos Aires

Un informe do Consello da Cultura pide a máxima "protección" e algunhas voces rexeitan que o legado se traslade a Galicia

Manuel Oliveira. // CGBA

"Houbo un tempo en que Buenos Aires foi a capital cultural de Galicia. (...) Viviamos a través deles o contacto cunha vida cultural que en Galicia non podía agromar ou agromaba chea de dificultades". O tradutor, catedrático e membro de honra da Real Academia Galega (RAG) Basilio Losada escribía estas frases no arranque dos anos 80. Non lle faltaba razón, na capital austral, baixo o cuberto da editorial creada polo Centro Gallego de Buenos Aires -Ediciones Galicia- publicáronse as primeiras edicións de libros que son xa clásicos da literatura de noso como Sempre en Galiza ou A esmorga. Hoxe en día, o devandito Centro Gallego está en crise, a punto de desaparecer, e entidades como o Consello da Cultura Galega piden á Xunta que intermedie para salvagarda-la colección de bens culturais que posúe.

Nestes intres, a súa Biblioteca garda 2.000 volumes, moitos deles chave na historia da nosa literatura. O Informe sobre os fondos patrimoniais e culturais do Centro Gallego de Bos Aires, elaborado polo Consello da Cultura Galega, e dado a coñecer en detalle ó público esta semana, manifesta "a súa fonda preocupación pola situación en que está inmerso o propio Centro Gallego; entende que se deben desenvolver actuacións concretas para salvagardar este patrimonio. É por isto que propón que o Goberno galego leve a cabo contactos e xestións (...) para garantir que o legado cultural e inmaterial que encerra o Centro Gallego de Bos Aires manteña a súa integridade".

O informe do Consello recalca que esa salvagarda é "unha obriga legal" establecida pola Lei da galeguidade, do ano 2013. Esta normativa recolle que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverá, entre outras, "actuacións en defensa e protección do patrimonio cultural galego no exterior".

A interpretación dun dos puntos da lei, traído a colación polo Consello da Cultura, está a levantar certa polémica en conexión coa situación do Centro Gallego de Bos Aires. O devandito artigo sinala que "a Comunidade Autónoma de Galicia colaborará na preservación e conservación do patrimonio cultural das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e velará polo seu destino no caso da disolución destas. Para iso, nos casos en que a normativa o permita, aquel patrimonio cultural e -de forma especial- o documental, sonoro e inmaterial que para a súa preservación deba ser conservado en Galicia, será destinado (segundo o caso) ó Arquivo da Emigración Galega e ó Arquivo Sonoro de Galicia".

Estas últimas palabras están levando a pensar a algunas persoas que se está a solicitar o traslado para Galicia do legado do Centro Gallego de Bos Aires. Neste figuran, ademais de 2.000 libros, cerámicas de Días Pardo, esculturas en madeira de Maximino Magariños, 124 cadros de autores como Maside,Seoane, Laxeiro o Leopoldo Nóvoa, entre outros moitos.

O historiador e investigador Lois Pérez Leira -que pisou por primeira vez este centro galego no 1978- está convencido de que o legado "pasará a mans privadas desgraciadamente. Non quero polemizar pero os partidos galegos non entenden o problema". O BNG, por exemplo, anunciara en decembro a súa intención de pedir á Xunta trasladar estes fondos patrimoniais a Galicia. Ante esta idea, Pérez Leira recalca que "é patrimonio arxentino e a normativa arxentina non permite sustraer obra pictórica". Para el, unha saída pasaría por copiar os pasos da colectividad italiana en Bos Aires que donou o seu legado ás autoridades arxentinas.

Compartir el artículo

stats