Nin Rosalía de Castro nin Manuel Rivas, o autor galego ó que máis idiomas se traduciu a súa obra completa é Martín Códax, o trovador do Medievo que fixo internacional o nome de Vigo cantando ó amor, ás ondas, á espera e ó erotismo. Este dato foi salientado polo profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas onte durante a retransmisión dun programa especial de Ponte... nas ondas! adicado ó Pergamiño Vindel, o mesmo que recolle as cantigas do autor galego medieval coa súa anotación musical.

Costas aproveitou para amosar ó público unha gravación na que se poden escoitar en maorí as cantigas. En total, son 55 os idiomas cos que podemos dá-la vota ó mundo escoitando ó marmurio de Códax e a súa poesía.

As cantigas tamén resonaron con melodías e acentos doutros mundos como o de Chico Buarque en clave brasileira. A súa arte, debullou verso a verso, nota a nota, a cantiga número 5 titulada "Quantas sabedes amar amigo".

En directo, tamén tocaron as cantigas Raquel Beneyto e Rafaela Matins, acompañadas polo son da arpa.

Non podía faltar neste especial sobre a mostra do Vindel orixinal en Vigo, en concreto no Museo do Mar, a presenza de Cipriano Jiménez, do grupo Pertenza. Sen el, se a asúa mediación, o Pergamiño Vindel seguiría sen saír da Morgan Library de New York. Ata alí, se desprazou Jiménez para argumentar e solicitar que a obra viaxara ata a cidade que a motivou.

Cipriano Jiménez afirmou que " a presenza do pergamiño Vindel en Vigo está tendo un gran impacto en toda Galicia " e remarcou que "este momento histórico debe quedar reflectido en programas como este de Ponte...na ondas!".

Outra voz experta que participou foi a de Camiño Noia, tamén profesora da Universidade de Vigo. Esta experta respondeu ás preguntas sobre o papel das mulleres na Idade Media. Manifestou que " o que nos transmitiron por escrito os trobadores e xograres xa estaba presente na lírica popular".

Non obstante, se por algo destacou o programa de onte foi pola música, nunha mistura coa se escoitaron as ondas do mar de Vigo coa voz da brasileira Socorro Lira. Con ela, abríase a emisión dende o Museo do Mar.

O director do mesmo, Vicente Caramés, foi entrevistado por Verónica e Beatriz, destacando el que "a presenza do Vindel é unha mostra da cultura común entre Galicia e o Norte de Portugal".