A Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe unha gala especial coincidindo co 25 de xullo, Día de Galicia, que terá como mestre de cerimonias o presentador Xosé Ramón Gayoso, acompañado pola actriz Lucía Regueiro, a xornalista Lucía Rodríguez e a cantante e humorista Eva Iglesias. Catro rostros coñecidos da canle pública que se encargarán de conducir un evento que reúne no escenario unha vintena de grandes artistas. O programa contará con duetos musicais únicos. É o caso do vigués Carlos Núñez, un dos mellores gaiteiros do mundo, que acompañará no escenario o músico Rodrigo Romaní, fundador do mítico grupo Milladoiro, e a Sondeseu, a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galicia, que tamén sorprenderá con temas propios. O vigués tamén interpretará un tema xunto ao canadense Jon Pilatzke, violinista titular do grupo The Chieftains. Por outra parte, a cantante e violonchelista Rosa Cedrón compartirá escenario coa gaiteira Cristina Pato e a cantante Carol. A gala tamén contará con artistas como Pablo Milanés, Marta Sánchez, unha das galegas máis internacionais, e o presentador e cantante Xosé Manuel Piñeiro.