Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Abe Rábade: "Tocar música non pode ser un sacrificio"

O intérprete actúa co seu trío de jazz esta noite nunha nova entrega do Imaxinasons

Abe Rábade.

Abe Rábade chega máis que contento ó Imaxinasons de Vigo, que onte se inaugurou para o directo de Uri Caine Trio con entradas esgotadas. O músico galego -que actúa hoxe ás 21.00 horas no Auditorio do Concello de Vigo- baila nunha peneira cando di que o seu último álbum, Once, está a ter unha excelente acollida: "Levamos xa un montón de concertos e temos boas perspectivas con citas en España e no extranxeiro". A desta noite, será a cuarta vez que pise o escenario do festival de jazz da cidade olívica.

"Esta vai ser -comenta- unha actuación de transición cara o proxecto que se gravará a final de ano. O repertorio do concerto no Imaxinasons vai ser metade do disco Once e a outra metade dos temas, do álbum inédito. Toco en formato trío con Pablo Martín (contrabaixo) e con Bruno Pedroso (batería) ós que considero como a miña familia nómada. É un xeito de botar raíces de forma deslocalizada".

- Esa presentación da filosofía do concerto implica un circuito pechado?

-É evidente que inda que fagas un programa de concerto, nesa mesma proposta que fas, sempre hai un marxe de maniobra para a espontaneidade con solos improvisados. No jazz, como en case todo, xógase con elementos fixos e móbiles. No caso do trío, ese factor ten moito protagonismo. É como se fose un ser vivo. Cando tes unha relación de certa confianza, non hai que falar tanto; é máis elocuente o silencio que a parrafada; na música do jazz, iso é moi importante.

- Ó longo da súa carreira, quedou algún proxecto pendente, que bote de menos?

-Case sempre que imaxinei algo musicalmente falando, acabouse cumprindo por unha suma se factores. Polo traballo, primeiro; segundo, por planificación estratéxica e terceiro, por estar no lugar axeitado co grupo humano axeitado. Así tes o potencial e talento para responder a ese proxecto que imaxinaches.

- Ofrecer de cada vez algo novo, tórnase cansado e afróntase ás veces con temor?

-A vida é unha oportunidade para evolucionar, no meu caso, musicalmente. Para min, a evolución vital e musical van da man. Pensamos que ás veces esa evolución é unha liña, pero ten moito de espiral. Un está condeado a dar voltas sobre si mesmo. Os nosos rasgos e personalidade fannos evolucionar pero de acordo coa nosa natureza espiritual, a educación. Evoluír non é tocar cada vez máis complexo ou inintelixible; creo que é o contrario, ter un trazo máis esencial, comunicativo, máis expresivo? como se puideras agarrar unha emoción a cada acorde.

- E que papel xoga na creación o de ser perseverante? Pode xogar malas pasadas?

-Ás veces, topas cos elementos cando queres levar adiante un proxecto. Por ascendencia aries son moi teixugo, unha persoa moi perserverante, pero non de maneira cega. Ser terco é a peor perseverancia que existe. Cando aparecen os sinais para que emprendas algo hai que saber lelos. Dáse tamén no amor, nas artes, no ámbito profesional, nas amizades?un ten que poñer toda a carne no asador.

- A ambición e o egoísmo, que me pode dicir ó respecto?

-Hai cinco anos, imaxinei un día que quería escibir para orquestra sinfónica, quería orquestrar. Iso é un soño cumprido. O mes pasado, tiven dúas estreas coa Filharmonía de Galicia. Iso funcionou por perseguir ideas. Nesta profesión, ten que haber ambición, na mellor acepción da palabra. A ambición está contaxiada de connotacións negativas e non ten por que telas sempre e cando non se convirta en egoísmo. Ten que implicar querer mellorar, querer ser un músico de mellor calidade, con máis luz, nun camiño de evolución persoal.

- Que papel xoga a soidade?

-A soidade? É fundamental, é un rasgo de carácter forte, penso que o ser humano ten unha relación cos polos opostos: a soidade fronte ó bullicio e a socialización. Son dos polos en constante dialogo. Na música, nunha xira de varias semanas, un tenque saber ler que é un momento de expansión, vas dar o máximo nivel de musicalidade. É fundamental ler esa situación porque cando voltes para casa trala xira terás tempos de recollemento. Neses, tes que ler que é cando podes preparar o teu retorno ó bullicio. O estudo nunha música tan persoal como o jazz reside nesa dialéctica entre esas dúas cousas. Tes que sacar conclusiósn nos concertos e chegar a casa para reflexionar e corrixir cousas.

- Implica a música renunciar?

-Algunha xente fala de sacrificio e iso non me gusta nada. É unha concepción cristiá. Tocar música non pode ser un sacrificio. A música ten que ter un fin: tocar en público.

Compartir el artículo

stats