"De mozo devoraba libros; a lectura atraíalle moito ata o punto de que, cando saíu do Seminario e grazas á súa relación co bibliotecario de Xinzo de Limia, conseguiu ter unha copia das chaves da biblioteca, a onde ía a ler cando estaba pechada. Así preparou por libre o acceso á Universidade de Santiago", desvelou o fillo maior do escritor Carlos Casares, e administrador da Fundación Casares -tamén doutor en Filoloxía Galega-, Hákan Casares, que onte debullou no Club FARO de Vigo os aspectos literarios máis íntimos sobre a vida do seu pai. "O meu pai dicía sempre que o importante é ler, fose o fose, e tamén, que escribir é bo ata para un mesmo, porque axuda a ordenar os pensamentos".

Hakan contou, por exemplo, que a nai de Carlos Casares lle falaba castelán e o seu pai -o avó Francisco, mestre de profesión que lle ensinaría a ler e escribir- expresábase en galego. Tamén que nos anos corenta nunha vila de Ourense, onde naceu o homenaxeado o Día das Letras Galegas, a lareira era o pasatempo principal e a maior fonte de literatura oral. O seu Xinzo da infancia sería "a escola para que entrara en contacto co galego de forma natural".Ese bilingüismo espontáneo e o gusto pola narración entronca coa tradición oral galega. "As historias ao carón do lume. Lembro pola vía do meu avó, que estaba na tradición familiar e que contar historias foi a primeira influencia que tivo o meu pai".

"Un construtor de pontes coa materia das palabras e a arxila dos afectos". Así definiu ao escritor o director da editorial Xerais, Manuel Bragado, que salientou a súa faceta como "escritor, que fixo da vida narración". Carlos Casares foi profesor de Ensino Secundario, director da editorial Galaxia, deputado no Parlamento de Galicia e presidente do Consello da cultura Galega, introduciu Bragado, que puxo o acento no gusto de Casares polas posibilidades das novas tecnoloxías. Tamén, na súa afición como coleccionista de exemplares de "O principiño", de Antoine de Saint-Exupéry -que el mesmo traduciu do francés ao galego-. "É inevitable non lembrar a Carlos Casares con saudades", indicou Bragado, que deu paso a dúas testemuñas de vital importancia no estudo da súa obra: Gustavo Adolfo Garrido, e Iolanda Galanes Santos.

O secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, desgranou as 'marcas' que definen a obra de Casares e que son "a sinxeleza" -coa que sempre fala da vida- e a presenza da morte. Nese senso, desvelou un detalle menos coñecido da vida do ourensán: "Con 16 anos, a primeira narración que fixo e que logrou o Premio Provincial de relatos en Ourense", titulábase "A la sombra de una muerte".e logo referiuse a esa mesma temática empregada en poemas posteriores, presentados a diversos concursos.

A doutora en Filoloxía Galega e Portuguesa, especializada en Tradución, profesora na Universidade de Vigo e profunda coñecedora da obra de Carlos Casares, Iolanda Galanes Santos destacou varias novidades que introduciu o autor de "Vento Ferido". "Tivo axente literaria desde finais dos anos 80" e tamén a importancia que lle deu á tradución da súa obra; ao ruso, ucraíno, catalán, francés e inglés e na literatura infantil e xuveni ltamén ao sargo e ao bretón. Asegurou que algúns dos seus libros como "Os escuros soños de Clío" teñen versión no ruso, italiano, alemán, español... Galanes Santos destacou onte, día no que se presentou a nova versión de "Ilustrísima" no inglés, que xa fora publicada hai anos en Bélxica no francés. Tamén destacou moitos opúsculos que apareceron dispersos e nova obra "descoñecida" que ten máis percorrido e precisará máis tempo de estudo.

Seguindo co relato que aportou o seu fillo, explicou que de pequeno a Carlos Casares atraíalle a vida dos santos e na familia, varios tíos paternos foran curas, o que xustifica a entrada no Seminario de Ourense de Carlos Casares. Tamén aludiu a como o profesor Agustín Madarnás, que coa súa louvanza pública dun relato de Casares sendo un neno, fixo prender o gusto polo oficio da escritura. Nacido en Ourense, pero trasladado con tres anos a Xinzo de Limia, onde se escolarizou e pasou a súa infancia, a presenza de Ourense e Xinzo na súa obra é moi grande, de alí vén a súa fonte de inspiración, a súa materia para crear. "Nunca o vin non facer nada; aínda que dixera que lle gustaba non facer nada. Traballou moito e detrás da súa obra hai iso: un gran traballo ao que lle adicaba moitas horas ao día", defendeu o seu fillo.