"Hai varias encrucilladas que determinaron que a vida de Carlos Casares fora por onde foi; eu identifiquei cinco", asegura o experto Gustavo Adolfo Garrido. "A primeira foi coñecer a Vicente Risco con 16 anos, porque lle permitiu coñecer a un vello galeguista con máis de 70 e iso é un choque xeracional potente, que nos fala do carácter reflexivo dun rapaz que viña de pasar seis anos no Seminario", asegurou Garrido. A seguinte encrucillada, para o secretario da Fundación é ter coñecido a Ramón Piñeiro, "pai espiritual" e outra "importantísima", terse encontrado con Kristina Berg en 1971, a que sería a súa muller, nun tren de Bilbao a Coruña, cando Casares viaxaba de Ourense a Santiago no mesmo tren. Nese sentido o fillo de Casares profundaría: casaron en seis semanas. E o país de orixe da súa nai: Suecia, valeu para que o autor de "Vento Ferido" tomara máis consciencia como demócrata convencido.

Outra das encrucilladas foi a relación con Torrente Ballester desde mediados dos anos 80. Aínda que se coñecían de antes, a súa relación se afianzou pola coincidencia ata dúas veces ao día de ambos escritores en Baiona. A relación tamén quedaría forxada polas colaboracións que nun intre fixo o escritor ferrolán en FARO. "A Casares gustoulle a postura que Torrente Ballester mantivo e na que criticaba a un dominico". O seguinte feito que condicionaría a popularidade e chegada de Casares é a súa escritura xornalística, para Garrido. É un feito moi significativo que o nome dun dos seus libros infantís, "A galiña azul" -conto para nenos que reflicte o espírito comprometido e libertario dunha época- se escollera para a rede de escolas infantís de Galicia.