"Ribeiras de salitre" fai escala no capítulo de hoxe que emite a TVG a partir das 15.30 horas no Porto de o Grove. Esta produción foi encargada pola canle autonómica a Producións Celta. A emisión, con 30 minutos de duración, está dirixida e presentada por X. H. Rivadulla Corcón.

O equipo explica que "o nome do Grove é sinónimo de mar. Todo aquí móvese ao ritmo das ondas e a actividade marisqueira é a máis destacada, dos seiscentos mariñeiros rexistrados na Confraría catrocentos cincuenta son mariscadores e mariscadoras. Os mariñeiros traballan maioritariamente as artes de enmalle e as nasas. A centola e a ameixa son os produtos máis representativos".

Nesta ocasión, o equipo sobe á embarcación de Félix Piñeiro, un mariñeiro novo que anda ás nécoras que colle en nasas. O rapaz fala do seu amor polo oficio, polo medio mariño, e sobre o que significa saír ao mar.

O programa tamén se fixa la lonxa e, en concreto, nos poxadores. No Grove, atopan un que xa leva moitos anos desenvolvendo este oficio. Trátase de Milo Galiñanes.

Como nos programas anteriores, tamén hai espazo para a música. Desta vez, actuarán para os espectadores de "Ribeiras de salitre" os integrantes do grupo Os Firrás, que destacan polos seus temas alegres e con moito humor.

O equipo tamén atopou moita simpatía nas mariscadoras do Grove. Entre elas, Isaura Ferro, á que esta vez non acompañaremos a seca para mariscar. Nesta ocasión, Ferro puxo o delantal para mostrar no programa como se fan unhas amiexas con fabas.

Claro que non se pode ir ao Grove sen mercar algo as colareiras. As mulleres que fan colares, aneis e outras xoias coas cunchas do mar son unha das imaxes icónicas da ribeira de salitre do Grove. Flora Mariño segue a tradición das colareiras e conta a súa experiencia.