Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Club FARO

Pérez Losada: "Vigo foi un aglomerado galaicorromano sen autonomía política"

O arqueólogo dixo que a poboación foi, nos tempos dos romanos, unha "vice-cidade" cunha "clara vocación comercial" - "Na ría houbo asentamentos moi similares", dixo

O arqueólogo Fermín Pérez Losada (dereita) e o seu presentador, Aldolfo Fernández. // Marta G. Brea

Fermín Pérez Losada, profesor do Grao en Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, dixo onte no Club FARO que "Vigo foi un aglomerado secundario galaicorromano (vicus) sen autonomía político-administrativa, que dependería de Tude (a actual Tui)". Os vicus serían como vice-cidades por esa dependencia político-administrativa, o que non tería que ver co seu tamaño e importancia.

Pérez Losada falou de "Vigo e as súas orixes romanas" a partir dos achádegos no entorno das rúas Pontevedra, Hospital, Rosalía de Castro e Areal, e no entorno do Casco Vello. Ata mediados do século VII, cando foi abandoado, houbo unha "conformación polinuclear, sete hectáreas de distribución interna dispersa", no que funcionaron salinas e mais industrias de salazón; un asentamento que tivo "unha clara vocación comercial cara o tráfico marítimo a longa distancia". "Ao longo da ría de Vigo houbo asentamentos moi similares a este", engadiu.

Pérez Losada (Santiago, 1962), profesor titular de Arqueoloxía na Facultade de Historia do campus de Ourense da Universidade de Vigo, foi presentado por Adolfo Fernández Fernández, tamén arqueólogo e bolseiro posdoutoral na Universidade de Coimbra. Fernández, a quen o conferenciante dirixiu a súa tese, destacou a Pérez Losada como "unha auténtica referencia da investigación do mundo romano en Galicia, que xamais esqueceu a arqueoloxía de campo".

Pérez Losada foi responsable en 2002 do proxecto da vila romana de Toralla, fixo estancias nas universidades de Braga e de Coimbra e a súa tese de doutoramento recibiu o premio extraordinario.

O tópico do Vigo sen istoria

O investigador galego atribuiu á "Historia de Galicia" (1888) de Manuel Murguía "o tópico de Vigo como cidade moderna e sen historia; industriosa pero sen orixes antigas das que enorgullecerse". Nesa obra, que marcou todo o século XX, Murguía escribiu de Vigo que "nada guarda dentro de sus breves muros para el anticuario ni para el historiador". Con anterioridade, Nicolás Taboada Leal, na súa "Descripción topográfico-histórica" de Vigo (1840), apuntaba vestixios arqueolóxicos no Casco Vello e Areal, pero foi eclipsado por Murguía.

"Vigo -sinalou Pérez Losada- non é citada na maioría das fontes clásicas", e soamente "a partir da arqueoloxía dos anos 90" do pasado século se toma conciencia da verdadeira importancia de Vigo na época romana.

Destacou tamén a relevancia do achádego, en 1953, do conxunto das estelas funerarias da rúa Pontevedra: "Coincidiu co Congreso Nacional de Arqueoloxía e puxo a Vigo sobre o mapa histórico".

Xa nos anos 80 se incorpora o Castro de Vigo, excavado por José Manuel Hidalgo Cuñarro, e "nos 90 xurde a arqueoloxía urbana viguesa", que coincide co xurdimento dos servicios arqueolóxicos na Xunta de Galicia.

As intervencións se multiplicaron nas décadas dos 90 e do 2000. O achádego de ánforas submarinas en Areal e no Berbés e de dúas factorías de salazón en Marqués de Valladares e Praza de Compostela indicaron actividade de salgas de peixe e comercio por vía marítima. "As fábricas de salazón non difiren moito das que montaron os catalans a partir do século XVIII", comentou o investigador galego.

Coa axuda de imaxes proxectadas, Pérez Losada explicou achádegos como a salina de evaporación marina, que calificou como unha das grandes novidades a nivel ibérico e internacional, e que implican unha producción de tipo industrial. Abarcaron entre 3 e 4 hectáreas nas rúas Pontevedra, Hospital, Rosalía de Castro e Oporto. A parte que foi conservada constitúe o Centro Arqueolóxico Salinae na rúa Rosalía de Castro, a carón do centro de saúde do Sergas.

Tamén destacou como novidade dentro da arqueoloxía galega de enterramentos infantís en ánfora, na necrópole da rúa Hospital.

Nas súas conclusións, Fermín Pérez Losada dixo que Vigo tuvo as súas orixes no monte do Castro, no que houbo un probable oppidum, una capital política e administrativa, nos séculos I antes de Cristo e I despois de Cristo. Este asentamento foi abandoado a partir do século II, e a poboación asentouse no Casco Vello e Areal, con construccións de tipo fabril. O abandono das salinas prodúxose no século III, e o maior crecemento é da época tardorromana (séculos V, VI e VII). "No século VI Vigo foi un importantísimo emporio comercial, relacionado coas estructuras de poder", dixo. O abandoamento prodúcese a mediados do século VII.

Compartir el artículo

stats