Se reciben un mail cun poema de Rosalía bótense a tremar. O asasino Adriano anda ceibe. Vive no libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Vigo, 1975), que tomou a celebración do Ano de Rosalía para vertebrar un thriller de ficción no que se contan moitas verdades sobre o mito da patria e os seus satélites.

-A obra transcorre na celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos, e critica por boca dalgúns personaxes como Sofía Deneb unha liturxia na celebración.

-Aproveitei o libro para queixarme. Tiña a sensación de que a cousa ía quedar no mundiño de sempre. Eu quería levar ese tema á rúa aproveitando que teño lectores.

-Este ano intentouse rachar co estereotipo de Rosalía.

-Inculcáronnos o tópico da Rosalía chorona e baixo ese tópico hai unha muller máis moderna. En xeral, a percepción que se ten dela é moi parcial e manipulada.

-O libro brinca entre a realidade e a ficción como cando fala de que a última filla de Rosalía, Gala, foi manipulada.

-Oxalá iso fora ficción. A cuestión é real. Os réximes de poder aprópianse dos símbolos do pobo. O goberno de Franco apropiouse da filla de Rosalía que era levada para riba e para baixo sen saber moi ben que pintaba en cada lugar.

-Dá a impresión que plasmou a carraxe dalgunhas persoas pola instrumentalización de Rosalía.

-Eu son un pouco marciano neste sistema. Pretendía dar a miña visión. Esa é a furia que mostra Adriano. Despois de realizar a investigación sobre esta manipulación de Gala e de Rosalía dábame moita rabia todo o proceso e que se ve na furia do coitelo de Adriano.

-Tamén recolle as desaveniencias ficticias na Fundación Rosalía ou na Real Academia Galega...cheas de "bandos". Pero de realidade tamén hai algo: a liorta deste ano na RAG.

-Podería dicir que estou indignado pero, a estas alturas, estar indignado ten outras connotacións. Rebéntame que pase iso nuns órganos que non deberían ser para iso. As liortas na Real Academia Galega serviron para facer valer os intereses económicos e de poder dos editores cando en realidade a RAG debería estar para o uso do pobo. Que usen ferramentas do pobo para o seu interés amólame moito. De seguro que me van empezar a caer paos.

-Xa empezaron as represalias polo contido do libro?

-O libro inda está no aire. Unha vez pase a euforia do turrón, xa empezarán a vir.