Carme Arias de Castro, Mimina, viuva de Isaac Díaz Pardo e promotora de Sargadelos, finou a noite do venres con 92 anos en O Castro. Compañeira do intelectual galeguista, con quen compartiu o seu compromiso vital e empresarial, naceu na Coruña o 15 de abril do ano 1921. As súas cinzas serán lanzadas ás augas da súa casa, Sada.

En "Voces da Memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes", a investigadora Beatriz Graña describe como Mimina estaba mesturada nos dous mundos da posguerra, o da súa familia conservadora e a dos Díaz Baliño, dous polos que lle deron "grande amplitude de visión á hora de avaliar a realidade vivida".

Arias de Castro é recoñecida como figura clave para o nacemento da fábrica de cerámica, non só porque se asentaban sobre os terreos da súa familia, senón polos seus deseños nas primeiras porcelanas. Tanto neste campo como na xoiería en cerámica, Mimina puido desenvolver a súa vocación artística temprana, despois de ter abandonado a pintura. Foi ademais mestra das xoieiras do grupo Sargadelo.

O intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo faleceu fai un ano na Coruña aos 91 anos de idade. O deseñador, ceramista, editor e empresario permanecía ingresado nun hospital coruñés varios dias e faleceu debido a unha pneumonía.

Díaz Pardo, "o home máis querido de Galicia", segundo o definiu o escritor Manuel Rivas, foi unha das persoas máis recoñecidas e premiadas nos ámbitos social, artístico e empresarial de Galicia, aínda que el sempre considerou a súa vida unha colección de "fracasos".