O corte profundo con tesoira do Ministerio de Cultura sobre o orzamento da Real Academia Galega (RAG) rebaixando un 62% a achega do Estado español á institución deixará o organismo en situación máis que precaria. "Para este ano, quedariamos cun déficit de 300.000 euros", botaba contas onte o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos. Para afrontar estes números e consensuar medidas, está convocada para o mércores unha reunión da executiva.

No encontro, "un asunto moi especial", como o mesmo Axeitos o calificou: a problemática dos orzamentos e o inicio dun proceso de austeridade. "Temos que intentar sobrevivir; esa é a cuestión", sinalou.

Na orde do día, figurará que facer ou, mellor dito, como afronta-la programación prevista para celebra-lo Día das Letras Galegas. Ó respecto, Axeitos sinalaba onte sen dúbida nas súas verbas que se manterían os actos pero "as cousas proxectadas celebrarémolas con distinto cariz".

Para facerse unha idea de por onde irán as mudanzas, Axeitos referiuse a outro tipo de actividades como as tomas de posesión. Hai previstas tres para este exercicio. "As tomas de posesión supoñen a impresión de tres libros. Intentamos suprimir en todo o posible como os viños, os pinchos, os convites de imprenta... pero hai cousas nas que non se pode recortar", explicaba o secretario da RAG.

Outro cambio é a suspensión da reunión semanal para a validación do dicionario. En trámites, está suspender as reunións do seminario de grámatica anulándose tódalas publicacións. Para a directiva da Academia, "son cuestións propostas inevitables, ás que estamos obrigados polas circunstancias".

Para este ano, a Real Academia Galega recibirá dos Orzamentos Xerais do Estado unos 380.000 euros. A súas homologas de Cataluña e País Vasco contarán cada unha cunha contía superior ós 700.000 euros. Mentres a galega tivo un recorte do Ministerio de Cultura do 62%, nas outras dúas non pasou do 23%.

Respecto desta diferenza de trato, Axeitos indicou que "iso é o realmente grave, sabemos perfectamente que temos que asumir loxicamente a crise como toda a sociedade, non pretendemos manter o noso estatus por riba da xente, pero unha cousa é iso e outra moi distinta é que haxa un agravio comparativo. Que ó resto lles baixen un 22% e a nós un 62% é unha falta de respecto a unha cultura".

En canto a posibles mobilizacións, "a Academia –dixo Axeitos– non é para convocar manifestacións. O seu argumento son a palabra e a razón".

Os partidos políticos con deputados galegos no Congreso tomaron nota e onte tanto PP, como PSdeG e BNG confirmaban que estaban contra o recorte realizado polo Ministerio de Cultura e que tomarían as medidas necesarias.

Por parte do PP, Ana Belén Vázquez lembrou que xa no ano 2010 se votara a favor dunha enmenda para que a RAG recibise unha consignación económica similar á das academias catalana e vasca. "Neste momento, hai que cumplir cos obxectivos para o déficit pero tamén hai que cumplir con esa enmenda. Estamos xa falando co Goberno para que sexa unha contía parecida", sinalou. No caso de non alcanzar acordo, o PP recurriría a unha enmenda que xa pensan presentar PSdeG e BNG.

A socialista Laura Seara, pola súa parte, indicou que "o traballo da RAG é insustituíble e único. Por ser única, a enmenda ós orzamentos é irrenunciable". O nacionalista Francisco Jorquera (BNG) confirmou que presentará unha enmenda e que espera chegar a un acordo cos outros grupos no Parlamento con deputados galegos pra que a RAG reciba "unha aportación digna" e non sexa froito dun "agravio comparativo". Pola súa parte, Axeitos concluíu: "É absurdo que nos dean a metade por sermos galegos".