O 20 de abril de 1986, co respaldo, entre outros, do catedrático ferrolán Ricardo Carballo Calero, nace A Mesa pola Normalización Lingüística, unha organización con máis de 4.500 socios, que se autodefine como "independente, plural e apartidaria" e que ten como "único obxectivo" acadar a normalización lingüística plena do galego "promovendo o seu uso en todos os ámbitos da sociedade mediante iniciativas que sensibilicen á poboación e que abran novas vías de uso do idioma", indica a súa páxina de internet.

"En abril de 1986, tres organizacións –a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Federación de Asociacións Culturais Galegas–, co apoio da Associaçom Galega da Lingua (AGAL), convocaron un Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística, que reuniu na Aula Magna da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago a case 500 asistentes de diferentes ámbitos coma o ensino, a cultura, a administración ou os medios de comunicación, e que culminou cunha conferencia na que o profesor RicardoCarballo Calero se felicitaba de que o idioma volvese a ser un factor unitivo dos galegos, pero advertía de que os horizontes de normalización non eran, en absoluto, os que marcaba a lexislación do momento", lembra a sociolingüista e profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, unha das socias fundadoras da Mesa, quen explica que aquel encontro partía da base de que a Lei de Normalización Lingüística "xa levaba tres anos en vigor, pero apenas se veían avances na normalización social do idioma galego". "De aí que se acordase retornar á iniciativa social, e crear unha plataforma permanente, A Mesa, para dirixir a reivindicación lingüística ante a falta de vontade dos poderes públicos", apunta García Negro.

O profesor Xosé Manuel Sarille, presidente da Mesa dende a creación da súa primeira xunta directiva ata o ano 1997, lembra aquela etapa de finais dos 80 coma un "periodo de desencanto despois da transición política, que fixo que nas xentes das bases, sobre todo do galeguismo e o nacionalismo, aflorase a idea de que se podían levar a cabo cambios sociais". "O que pretendiamos coa creación da Mesa foi a orixinalidade, buscar mecanismos que ilusionaran á cidadanía e cambiasen as rutinas da actividade sociopolítica", indica Sarille. "Do que se trataba era de poñer moita carga simbólica para que todo o mundo se unise á plataforma, por iso lle dabamos moita importancia ao tema do deseño, ata o punto de que chegamos mesmo a crear unha especie de imaxe corporativa, para favorecer que a nosa mensaxe entrase polos ollos", sinala.

O primeiro presidente da Mesa –nos seus 25 anos de historia, a organización só tivo tres dirixentes, Sarille, Concha Costas e o actual,Carlos Callón– destaca, ademáis, como, nos seus inicios, a plataforma logrou reunir a todos os sectores que defendían a lingua galega. "A Mesa convertiuse na casa de todos, mesmo do galeguismo máis moderado, que ao principio non comulgaba co proxecto", afirma Sarille.

As primeiras reivindicacións da Mesa dirixirónse cara un dos ámbitos que tamén está a centrar as súas últimas actuacións: o ensino. "O que reclamábamos naquel momento era que se impartisen, como mínimo, dúas asignaturas en galego e que, nun periodo de cinco anos, se chegasen a dar o 25% das clases nese idioma", explica outra das figuras esenciais dos inicios da Mesa, o profesor Xosé Manuel Fernández, primeiro secretario da organización. "Esa primeira reivindicación tivo unha fonda repercusión, xa que no mes de setembro do mesmo ano 86, a conselleira de Educación, María Jesús Sanz, promulgou unha orde que, por primeira vez, establecía un mínimo de materias que debían ser impartidas en galego, e que foi aplaudida dende A Mesa por supoñer un esperanzador punto de partida", engade.

Neses anos dos inicios, e en paralelo á labor reivindicativa, A Mesa empezou a desenvolver toda unha serie de actividades de sensibilización, coma a primeira Festa da Lingua, e varias campañas para animar á xente a poñer aos seus fillos nomes en galego. "Precisamente nunha desas campañas, que tiña por lema Xa lle tes nome?, contamos por primeira vez coa colaboración dunha empresa privada, Nutricia, que aportou unha boa cantidade de cartos", relata Xosé Manuel Fernández, quen trae á memoria como, por aqueles anos, A Mesa puxo en marcha as primeiras iniciativas para galeguizar os rótulos das rebaixas. "Eran uns carteis bastante chamativos que, moito tempo despois, aínda se podían ver nalgúns comercios de Santiago", destaca.

Outro dos primeiros grandes fitos logrados pola Mesa tivo lugar o 13 de decembro de 1987. Ese día celebrouse en Santiago a primeira grande manifestación en defensa do galego, convocada pola organización en resposta ao recurso presentado polo Goberno central para que a Xunta retirase a orde que incorporaba o galego como lingua vehicular do ensino. Baixo o lema Aprender en galego non é un delito, arredor de 25.000 persoas, entre as que mesmo figuraba o ex presidente da Xunta GerardoFernández Albor, de Alianza Popular, percorreron as rúas de Santiago para defender o proceso de normalización lingüística no ensino. "Houbo unha reacción conxunta de toda a sociedade, e iso se plasmou nunha manifestación plural e masiva que, por primeira vez, conseguiu abarrotar a praza da Quintana", lembra o ex secretario da Mesa.

Malia "ter pasado moitas cousas", 25 anos despois do nacemento da Mesa, tanto o propio Xosé Manuel Fernández coma Pilar García Negro consideran que a organización mantén "intacto" ese espírito dos comezos. "Cos ataques que está a sufrir o galego por parte do actual Goberno da Xunta, a labor da Mesa é máis necesaria ca nunca", sinala García Negro, quen asegura que, hai dúas décadas, o galego transitaba por unhas marxes "moito máis amplas que agora". "En ámbitos coma o ensino, hai unha involución terrible, ata o punto de que o uso da lingua galega está a quedar reducido a uns mínimos que nin sequera se poden considerar simbólicos", sinala.

Na mesma liña,Xosé Manuel Fernández advirte de que o uso da lingua galega estase a limitar "aos actos litúrxicos". "Moitos políticos falan galego nas sesións do Parlamento e logo, cando lles fan entrevistas ou escriben artigos en medios de comunicación da nosa comunidade, empregan o castelán. Isto, aparte de supoñer unha contradición, é un exemplo moi negativo para a sociedade", destaca, e engade: "A actual Xunta ven de botar por terra os pequenos avances que se conseguiran nos últimos anos, por iso o papel da Mesa debe ser aínda máis activo", apunta.

Pola súa banda, XoséManuel Sarille responsabiliza da situación do idioma a toda a cla se política galega. "Tanto o PP, como o PSOE e o BNG tiveron ocasión de facer as súas políticas. Sen embargo, non hai ninguna diferenza sustancial na súa xestión do galego", destaca o ex presidente da Mesa, quen asegura que o retroceso da lingua galega "é unha realidade". "Cando chegou o bipartito á Xunta, Quintana dixo que pola lingua non ía a haber problema. Creou moitas expectativas pero, ao final, tamén se desentendeu do asunto. Fixo o decreto de reforma do ensino e nada máis".