A Méndez Ferrín non só lle morreu un home que admiraba, senón tamén un amigo, deses que dan consellos, e un segue, un amigo "ata a morte". Ferrín coñeceu a Francisco Fernández del Riego cando era o responsable da revista "Industrias pesqueras". Fai xa 55 anos.

–Que foi o máis importante que fixo Del Riego por Galicia?

–En Del Riego hai que distinguir diferentes planos. Hai un plano político. Despois da paréntese da Guerra Civil, foi o principal artífice da reconstrucción na clandestinidade do Partido Galeguista e da Fronte Popular. E, polo tanto, é responsable do nomeamento de Castelao como ministro da República no exilio. Tamén era un activista cultural. É o principal artífice da construcción da editorial Galaxia e anos máis tarde da Fundación Penzol. Houbo outros, pero el foi sempre o eixo sobre o que xiraba todo porque estaba dotado dunha vontade férrea e dunha disciplina e unha capacidade de traballo incrible. E finalmente foi un escritor que publicou libros e infinitos artigos, dos que destacaría a súa Historia da Literatura Galega, aínda vixente. Ou a escolma da poesía galega, coa que nos fai chegar a nós aos contemporáneos. E todo iso ten como centro Vigo.

–Por que tanta interese por Vigo, sendo el de Lourenzá?

–Afincouse en Vigo porque os nacionalistas daquela época, e tamén os da República, crían que Vigo era o centro do futuro de Galicia e creo que non se trabucaban. Pensaban que a preponderancia industrial de Vigo iría a máis e que aquí se xogaba o futuro de Galicia. Por iso se fundou aquí Galaxia. Ese viguismo do nacionalismo era calculado. A zona industrial preponderante ten que ser a zona preponderante en política e cultura. E Del Riego, fiel a iso, aquí funcionou.

–Como cre que el quixera ser lembrado?

–Como home abnegado e persoa que non buscaba o medre persoal nunca. A el gustaríalle que se lle recoñecese así, pero a verdade é que foi así. E nós ademais dicimos que foi un brilante escritor e un home excelente, unha persoa espléndida, realmente luminosa.

–Con el tamén remata unha época, non si?

–Del Riego é o derradeiro membro do Partido Galeguista que estaba vivo. E foise unha época, claro, pero el viviu dabondo para ver que había unha continuación, que iso non desaparecía, senón que se multiplicaba.

–Como valora a súa etapa como presidente na RAG?

–El tivo unha actuación na RAG antes de ser presidente. Nos 50 foi o principal actor dunha primeira renovación da Academia. Logo entraría a RAG nun período de apatía que el correxiu ao chegar á presidencia, imprimíndolle, malia que era xa maior, un dinamismo novo. Eu estou na Academia porque el me mandou estar. Porque me chamou sendo presidente, se non eu non estaría, e tamén me aconsellou cando optei á presidencia, deume consellos e marcoume pautas coas que estaba, e estou, totalmente dacordo. Tanto Barreiro coma min somos continuadores do espírito de Fernández el Riego.

–Algunha anédocta que nos poida contar?

–A súa tendencia a fumar puros que ma transmitiu tamén. Non sei se foi culpa del, pero que fumara puros levoume a min por ese mal camiño.