O mundo da cultura galega está de loito, pola morte da escritora ourensá Dora Vázquez Iglesias, ós 97 anos de idade. Formaba unha especie de tándem literario coa súa irmá Pura. Eran mestras as dúas, escribían poesía e textos para nenos, colaboraban coa prensa escrita e remataron vivindo xuntas os últimos anos da súa vida, cando quedaron viúvas. A Deputación de Ourense, que conserva as súas bibliotecas no Centro Cultural, dedicoulle o Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, de periodicidade anual.

Dora Vázquez será enterrada hoxe no cemiterio de San Francisco, despois da celebración do funeral, na igrexa de Santo Domingo, a partir das 10,45 horas, onde será conducido o féretro dende o tanatorio das Burgas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou o seu pesar polo falecemento da escritora e resaltou o "extraordinario valor da súa obra, reflexo de toda unha vida dedicada á literatura". Feijóo resaltou o "fondo pesar" que sinte toda a sociedade galega, pola perda dunha autora que será recordada sempre a través de cada liña e cada verso cos que nos deleitou nos seus libros, que son o seu mellor legado", polos que logrou numerosos recoñecementos.

Feijóo repara na forte vinculación que tivo a autora coa cidade de Ourense e na paixón que mostrou pola poesía e a literatura infantil e xuvenil. Destaca Cascabel, O cabaliño do circo, Viaxe ao país dos contos e da poesía, Soñando con Ourense, como algunhas das obras máis relevantes da autora.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Nogueira, remitiulle un telegrama ós fillos da finada, á que considera "unha figura senlleira das letras galegas, que será recordada polo seu amor a Galicia".

Pola súa banda o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, trasladou o "fondo pesar" da corporación provincial pola perda, durante a celebración do pleno ordinario deste mes, ademais de resaltar os importantes vínculos que tiña a institución con Pura e Dora Vázquez. O alcalde, Francisco Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, tamén mostraron o seu pesar polo falecemento da entrañable autora.

Dora e Pura Vázquez viviron xuntas durante 45 anos, compartindo ilusións, esperanzas, traballo, esforzos, éxitos, frustracións e, sobre todo, a literatura. Despois do falecemento de Pura en 2006, Dura recoñecía que cando "puña a roupa" da súa irmá, dáballe a sensación de que ía camiñando con ela pola cidade. Tivo que deixar de facelo, porque a "desacougaba moito".

Dura Vázquez tivo a súa primeira escola en Teimende (Parada de Sil), con sesenta alumnos. Casou co mestre Antonio Rodríguez, en Parada do Sil, e tivo dous fillos: Antonio e Abelardo. Pura casou ós 56 anos con Manuel Batanero. Non tivo fillos. Cando lle morreu o home, trasladouse a Ourense. Venderon a casa do Salto do Can e mercaron un piso na rúa Pérez Serantes, no que viviron xuntas 20 anos.