Cate ten 21 anos de idade e, négase, nun principio a manter relacións sexuais; Ian, vai polos 45,e intenta facerlle mudar de idea. Os dous vense no cuarto dun hotel onde cada un se descubrirá. Desta situación, parte Derruba de Sarah Kane, unha das autoras británicas contemporáneas de maior aceptación entre o público inglés. A peza recóllese na Obra dramática completa. Sarah Kane, un dos últimos libros editados por Galaxia na colección da Biblioteca da Escola Dramática de Galicia (ESAD).

A antoloxía foi presentada onte na Escola onde o director da mesma e tradutor do libro ó galego, Manuel Vieites, destacou "a importancia de traer ó galego a obra desta autora" innovadora, representada abondo sobre as táboas dos teatros lusos.

A segunda obra da colección da ESAD que se presentou onte foi Catro pezas de Caryl Churchill, outra autora teatral británica destacada. Respecto de ámbalas dúas traducións, Vieites sinalou que "é importante para unha cultura como a galega ir directamente ás fontes, sen pasar por intermediarios", en alusión a ter como referencia os textos traducidos doutras linguas.

No acto de presentación, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, apalabrou a súa "intención de seguir apoiando a colección" de libros teatrais en colaboración coa ESAD; mentres que o director de Galaxia, Víctor Freixanes, sinalou que "é un luxo que os lectores e amantes do teatro teñan estes dous textos" en galego.