Manuel Rivas Barrós xa é membro numerario da Real Academia Galega. O xornalista e escritor coruñés, nado no 1957 no barrio de Montealto, ingresou onte na institución cun acto que se desmarcou do convencional nun ateigado Paraninfo da Universidade da Coruña.

Tra-la introducción do presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, e despois de que o secretario, Manuel González, dese lectura ao acta do acordo de admisión de Manuel Rivas, os dous membros máis recentemente incorporados á Academia, Margarita Ledo e Ramón Villares, foron buscar ao protagonista, a quen a sala recibiu en pé e cun sonoro aplauso. "A entrada foi como se saltase ao campo o deportivo", describiría posteriormente un dos asistentes ao acto.

"Os poetas cantaron ao toxo porque teñen o don de mirar con agarimo aquilo que moitos ignoran (...) En lugar de silencialo como unha vergonza nacional ou de maldecilo como a expresión vexetal do atraxo, deberíamos levar aos turistas aos montes do toxo...", escribía Rivas en Unha espía na lingua. E nesta ocasión non quixo deixar de portar esa alegórica poliña de toxo da que hai anos que se acompaña con frecuencia, moi en consonancia cunha das principais reivindicacións que vertebraron o seu discurso: "arrincar a tradición do conformismo".

Os cortinóns descorréronse no Paraninfo da Universidade por expreso desexo do máis novo –por data de ingreso e por idade– dos académicos, que quería que se vise o mar, e que desexaba tamén que, durante o acto no que a Academia o acollía, pasara algún barco. Non deixaron de pasar barcos. E gaivotas. O desexo que Rivas non puido ver cumprido foi que a celebración tivese lugar no cárcere da Coruña, algo que, como explicou Barreiro, non foi posible e polo que pediu desculpas ao benxamín dos integrantes da institución que pronto deixará de presidir.

O cárcere coruñés foi unha das localizacións que Rivas evocou no seu percorrido pola parte da súa memoria que atinxe á cidade que o viu nacer, no que incluiu o cemiterio de Santo Amaro, protagonista dunha das anécdotas coas que Rivas arrincou a gargallada dos presentes; a Prisión Provincial, a Torre de Hércules, ou "o faro", que identificou como "campo de xogos da súa infancia".

Non faltaron no discurso evocacións á deusa da memoria, Mnemósine –"unha das figuras máis suxestivas e interesantes da mitoloxía, e dende logo a máis fértil–, así como tampouco se ausentaron as mencións a Rosalía, Castelao, Pondal, Manoel Antonio e Ferrín, entre outros. Colleu prestada tamén Rivas unha cita de Walter Benjamin:"En cada época deben realizarse novas tentativas para arrincar a tradición do conformismo que pretende dominala".