Galicia non é nada especial en canto a crenzas". Así de rotundo se manifesta o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, quen asegura que "todo o que son crenzas en Galicia son comúns a toda Europa, especialmente á de tradición católica". "Pode haber algún matiz, de feito algunhas consérvanse mellor porque foi rural moito máis tempo, pero é o mesmo", insiste este experto.

Isto é aplicable tamén á festa de Defuntos. Con esa celebración "ocorre algo semellante ao do Papá Noel. Tamén o había en Europa, pasou a América e, cando aquí xa se esquecera, voltou dende alí. Con respecto ao Halloween, tiñamos aquí unha festa que era exactamente o mesmo", di.

"Halloween é a véspera de Tódolos Santos, que é o que había aquí. E nas festas de tradición europea e católica as vésperas son fundamentais porque, coma cando se fai unha romería, antes de entrar no sagrado, a xente lávase antes, purifícase, e estas vésperas servían tamén para iso, para purificarse, porque se entendían dende o catolicismo como un tempo maléfico antes de entrar o sagrado. Daí purificarse coa auga e co lume, que se dá máis en San Xoán", explica Mariño Ferro. "Aquí a véspera de Tódolos Santos non se conservou moito, pero era a mesma idea", engade. É máis: "A América a tradición levárona os europeos".

As cabazas

A véspera de Tódolos Santos, afirma, "tiña unha connotación especial" e iso incluía as "cabazas", que eran "para lembrar aos mortos", e que se trata dun costume que se "conservou nalgunhas localidades do norte de Galicia". "Cando eu era rapaz tiñamos diso", asegura, "así que para nada é algo importado". O que pasa, argumenta, "é que iso foise perdendo porque outras vésperas, coma a do Aninovo, Nadal ou San Xoán, eran máis importantes".

O caso, sistematiza, é que estas celebracións servían para "facer que a morte fose algo presente, que se tivese en conta" e "non coma no mundo urbano de agoar, onde hai coma un certo tabú sobre a morte". "A morte era algo normal, que ía acontecer, e por iso unha vez ao ano lembrábase".

E non só o Halloween ven de Europa, senón que Mariño Ferro sostén que iso de que estas celebracións teñan unha orixe celta é máis que cuestionable, por non dicir totalmente incorrecto. "O das vésperas é unha idea medieval, non anterior ao século XII; non existía na antigüidade clásica", asegura con rotundidade.

Iso implica que "non é celta". "Os celtas só estiveron en certas partes de Europa e isto é de toda Europa. Ademais na tradición pagana os mortos eran coma unha especie de deuses", di. "Foi a igrexa católica quen na Idade Media creou parte destes rituais e aquí celtas non, en todo caso cultura castrexa. Se admitimos que castrexo é celta podemos admitir certa influencia na construcción das casas en certas zonas, pero nas crenzas..." "O celtismo foi un invento do XIX, pero agora xa non ten sentido", conclúe.