Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ferrol lacustre de Fernando Esquío

O ferrolán Leandro Saralegui e Medina localizou na Idade Media unha familia Esquío que deixou por Ferrolterra varios enterramentos. Fernando Esquío, que, por veces, ten sido Esguío ou Escallo, inclusivamente Fernán do Lago, era fidalgo de inmenso talento poético

Trobador coa súa dona (Alemaña), Códice Manés (Palatinus Germanicus 848).

Hoxe Ferrol goza dun goberno municipal á altura das súas glorias literarias. Con Xohana Torres en plenitude das potencias numinosas, un relouca dicindo Lorref e mirando como un arco-da-vella espiritista e proletario traza o semicírculo perfecto cunha cepa na Ponte das Pías e outra en Coia de Baixo. A iso algúns, congregados en asemblea permanente, danlle o nome de Eixo Vigo-Ferrol, en memoranza de 1972.

Pero, dado que a Maré enche acó e acolá, estamos a ver no Fondo dos Espellos que Ferrol debería incorporarse urxentemente á liga das vilas e cidades literarias de Galicia. Estou seguro de que a futura constelación das vilas e cidades literarias tería que extender o seu concepto ás paisaxes e países literarios. Do mesmo modo que a Terra Cha, o Salnés, o Courel, son, alén de bisbarras económicas e naturais, espazos literarios, así Ferrol, a urbe racionalista e medieval pura, é tamén unhas Mariñas (incluso unhas Mariñas moi particulares), un Ferrolterra (inventouno Álvaro Paradela), unha Terra de Trasancos, un arciprestado das Xubias. Neste Ferrol sentimental e xeográficamente ampliado encóntranse dous lagos, diversos entre eles: o de Doniños e o da Frouxeira. Aos lagos está ligado un dos grandes trobadores que, cantando en galego, sumaron o seu acento propio ás letras europeas máis altas do Medioevo. Iremos falando de Fernando Esquío. Pero antes convén a decer (así escribía Fernán Martiz) algo: Fernando Esquío é o único poeta laquista ou lacustre do universo literario galego e o lago de Doniños é o máis profundo da Península Ibérica polo cal constitúe algo así coma un noso pequeno Baikal. Tamén é certo que a lagoa de Antela, cando existía, acumulaba a meirande concentración de auga doce da citada Península. Fernando Esquío andaba por eses lagos de Doniños e da Frouxeira co arco na man, á caza de aves, en canto que a rapariga eterna da cántiga de amigo lle seguía os pasos na compaña das non menos anónimas irmás, ou irmanas.

O ferrolán Leandro Salaregui e Medina localizou na Idade Media unha familia Esquío que deixou por Ferrolterra varios enterramentos. Fernando Esquío, que, por veces poido ter sido Esguío ou Escallo, inclusivamente Fernán do Lago, era un fidalgo ferrolán de inmenso talento poético. Viviría no meogo do século XIII.

Esquío trobou con orixinalidade nos enxebres tres xéneros dos Cancioneiros: a cántiga de amigo, a cántiga de amor e a cántiga de bulras. Admíranos a súa potencia creativa e multiforme. Visita os tópicos e convérteos, con habelencia suprema, en lugares orixinais. A filóloga especialista en Esquío Fernanda Toriello, italiana, insiste na predilección do trobador pola paisaxe dos lagos, o cal nos achega o trobador á poesía romántica do Norte de Inglaterra e certos países europeos continentais. No dominio da cántiga de amor, que non é provenzal senón galega autóctona, tanto coma a de amigo, Esquío móvese con fondura e patetismo que ole a verdade intima. A cántiga de Esquío "Que me queres, Amor?" forneceulle un belo título, nos nosos días, a Manuel Rivas.

Non está ben estudada pola crítica, e semella pouco divulgada, a poesía galega medieval chamada de escarño e maldizer. Trátase de composicións burlescas satíricas, procaces, que escollen unha lingua que trata de asuntos sexuais, incluidos vicios e doenzas venéreas, de forma desembarazada. Persíguese o efecto humorístico e a fraseoloxía, con frecuencia, procura a coitelada directa ao corazón do inimigo. Non o sirventés de pretensións morais, estas cantigas mordaces de escarño e maldizer supoñen exactamente o contrario da estilización e sublimación erótica e psicolóxica que, dun e outro modo, representan as cántigas de amor e de amigo.

Fernando Esquío, como se dixo, foi un excelente poeta nos xéneros de amigo e de amor. Pero isto non impediu que brillase, con luz propia, no dominio hilarante, provocativo e transgresor da burla satírica. Sacaremos do Fondo dos Espellos dúas cantigas nas que Mestre Esquío fai escarño dun frade e de dúas monxas de alto rango.

CAIXA POSTAL

Das cidades asolagadas

  • "Distinguido amigo, en días pasados, e ao lor do "Día Mundial dos Humidais", vostede escribiu no FARO respecto dos lagos e lagoas galegas. Nada dixo da lenda das cidades asolagadas das que fala o pobo. Podería tocar o tema?"Eusebio Mata ÁlvarezZamoraNon tratei o tema porque non son experto. Por exemplo, non sei nada das cidades asolagadas que seguramente hai en Doniños e na Frouxeira. Coñezo algo a existencia das cidades asolagadas de Lucerna e de Valverde. Moi concretamente, na súa novela San Manuel Bueno Mártir, Unamuno menciona un lago (parece o de Seabra ou Sanabria) no fondo do cal está a cidade asolagada de Valverde. Sempre dentro da ignorancia, sospeito que haxa en Galicia, e en terras próximas coma Seabra, máis dunha Lucerna e máis dun Valverde. En Bretaña ouvín falar de cidades asolagadas no fondo de rías. Ao largo da península de Crozon, que é coma un Morrazo, dixéronme que se encontra a cidade asolagada de Os. Lugrís pintou varias cidades asolagadas mariñas. De pequeno ouvinlle contar a xentes crentes a historia de Antioquía, que é a cidade asolagada pola lagoa de Antela. Desecaron a lagoa, desgrazadamente, pero non apareceron os restos de Antioquía. "Era unha capital tan grande coma Ourense", dixérame a persoa que me contou a historia sendo eu meniño. Na exposición sobre Victor Said Armesto (Fundación Barrié) que estivo aberta na Coruña e en Vigo, figuraba unha ficha esquemática. Conta dunha cidade á que chegou a Dama. Unha muller estaba forneando. A Dama fixo que lle sairan á muller bolas de pan desmesuradamente grandes. A Dama pediulle á muller un pouco pan. A muller llo quixo dar. Logo a Dama preguntou cómo era que se chamaba aquela cidade. "Trago", dixo a muller que forneaba. E ponse a Dama: "Se es Trago, eu te asolago / lo de arriba para abago". E quedou feita unha lagoa. O que pasa é que eu non sei onde poida ser o lago de Trago. E Said Armesto non explica máis nada. En todo caso haberá que preguntarlle a Miguel Anxo Fernán-Vello sobre que cidade asolagada hai na súa lagoa de Cospeito, que algunha constará na memoria da Feira do Monte.

Compartir el artículo

stats