Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

No labirinto

A forza que emiten os petroglifos traspasou as fronteiras do tempo e hoxe serven, coa súa beleza esterrecente, para sentir no lombo todo o peso do pasado milenario do pobo galego, de nosoutros

Transcripción e planimetría de petroglifos de Outeiro de Cogoludo (Campo Lameiro) feita por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza en 1952.

Os galegos soemos chamar petroglifos, con acento esdrúxulo nos últimos tempos, as insculturas prehistóricas sobre a pedra que estudou, en primeiro lugar, Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946); este sabio catedrático e investigador en ciencias naturais cuxa curiosidade o levou a sistematizar por primeira vez a arte rupestre de Galicia. A grande obra, en tal eido, do doutor Sobrino Buhigas, na que se catalogan todas as insculturas galaicas prerromanas de que el tiña noticia, é o Corpus petroglyphorum Gallaeciae (1935), que debe de ser o único libro arqueolóxico publicado en latín nos anos trinta do século XX.

O mérito principal de Sobrino Buhigas foi o de lles mostrar aos galegos e ao mundo a prodixiosa riqueza da nosa arte rupestre. Suscitou tanto interese entre nós o Corpus, que a atención a esta imaxinería arcaica viuse vastamante socializada. Mesmo a palabra petroglifo, antes pouco usada polos arqueólogos, pasou a ser común en amplas camadas da poboación galega.

A tras de Sobrino Buhigas, outros investigadores proseguiron o labor del e o coñecemento dos petroglifos difundiuse notabelmente. O primeiro continuador de Ramón Sobrino Buhigas foi o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959). A comunidade arqueolóxica está a celebrar o centenario do nacemento en Poio de Ramón Sobrino Fillo.

Coido que a ocupación primeira de Sobrino L.-R. foi a de profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios de Compostela. Nacido no seo dunha familia na que resaltan varios artistas plásticos, este investigador soubo continuar, modernizándoo, o cultivo do debuxo arqueolóxico que floreceu en Pontevedra desde os inicios do século XX e que tivo a súa manifestación máis coñecida n´As cruces de pedra na Galiza de Castelao. A formación de Sobrino L.-R. incluía o coñecemento do francés, inglés, alemán, alén do galego, portugués e castelán, o cal lle fixo doado o acceso á bibliografía científica máis internacional e contemporánea e facilitou a correspondencia científica con investigadores de toda Europa. Neste sentido, podemos decer que, se o seu pai, Sobrino Buhigas, participara do espírito renovador e multidisciplinar da Xeración Nós, Sobrino L.-R. representa a continuación, o apuramento metodolóxico e o estilo do Seminario de Estudos Galegos liquidado polo fascismo. Sobrino L.-R. revisitou, debuxándoos, medíndoos e fotografándoos todos os petroglifos coñecidos, ao tempo que facía o propio con outros que el mesmo ía descubrindo. Idéntica escrupulosidade e metódica practicaba o arqueólogo nas súas escavacións e esculcas no outro campo que el frecuentou: o do megalitismo galego. Coido ver no Fondo dos Espellos, sequera vagamente, que el foi o descobridor, con axuda se cadra de C. Paratcha do único monolito prehistórico, ou sexa menhir segundo a nomenclatura bretonante, coñecido daquela en Galicia: a Lapa de Gargantáns. Do mesmo modo que os eruditos do Seminario de Estudos Galegos (Bouza Brey ou Filgueira Valverde), Sobrino L.-R. é un autor fragmental. A súa obra está composta na súa maioría de unidades de investigación moi focalizadas, isoladas e precisas. Tal tipo de "Beitrago" ilumina infinidade de corrunchos, nunca antes frecuentados algúns, do mundo dos petroglifos e das mámoas e demais fabricacións megalíticas.

Despois de Sobrino L.-R., e despois de Carlos García Martínez, e De la Peña, e outros meritísimos investigadores, os petroglifos galegos continúan, felizmente, sendo máis ca un misterio, unha constelación de misterios. O porqué da concentración de petroglifos en determinadas zonas, o ar de familia que todos os da Gallaecia amosan a pesar da pluralidade de escolas de deseño, a ignorancia, que nunca será vencida, que temos do significados destes significantes angustiosamente valeiros, son sombras enigmáticas que nolos fan, se couber, máis atractivos. As preguntas amartelan a nosa imaxinación. Teñen algo que ver as insculturas rupestres de Val Canonica ou as de Foz-Coa ou as de Escandinavia coas nosas? E se presentan estas reliquias de outros lugares de Europa serias diferencias estilísticas cos nosos petroglifos, por qué nun corredor apartado do Museu Nacional de Dublín poidemos ver o famoso (en Galicia) labirinto insculpido nun cacho de penedo que procede dun lugar de Irlanda chamado Holliwood, labirinto que e igual ao de Mogor e participa da morfoloxía dos moitos labirintos da Gallaecia que se foron descubrindo de Sobrino Buhigas para adiante? E aínda, por qué ese mesmo labirinto está en Creta e nos cobertores dos Indios Hopi e por qué hai pinturas dos pobos orixinarios de Australia que recordan o ritmo e as ondulacións ciclofílicas dos nosos petroglifos? Agora, en verdade, estamos no Fondo dos Espellos.

Estou seguro de que, a estas interrogacións, podían sumarse outras. Con certeza, descoñecemos a función que tiveron tales grafos insculpidos nas laxes de Galicia, pero estamos seguros de que, no centro de arte rupestre de Campo Lameiro e en penedos de outras estacións galegas, hoxe os petroglifos pasaron a ter unha utilidade contemporánea. A forza que emiten traspasou as fronteiras do tempo e, nos intres nos que escribo esta lembranza de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, os petroglifos serven, coa súa beleza esterrecente, para sentir no lombo todo o peso do pasado milenario do pobo galego, de nosoutros.

CAIXA POSTAL. Policromía prehistórica

  • Cando redactaba as liñas adxacentes deuse a casualidade de que me chama un vello amigo para me dicir, cousa que eu ignoraba, que en algún sitio de Finlandia poden visitarse petroglifos cuxas cores foron restauradas. "Isto en Galicia non se fai" -dime. En efecto, todo parece indicar que os artistas rupestres do noso país pintaban as laxes e que as liñas insculpidas e mailos espazos que as liñas delimitan eran pintadas con diversas cores, con seguridade con vermello e con ocre. Digamos que a necesidade de restaurar, aínda de xeito hipotético, a cor dos petroglifos non é sentida para nada polos arqueólogos de noso. Isto nos fai diferentes. Mentres que en Alemaña e en Flandes a pedra dos capiteis e arcos románicos son continuamente repitandos, en Galicia déixase que o Pórtico da Gloria se vaia apagando co paso das centurias. Polo visto, teremos que conformarnos cos nosos petroglifos tal e como están agora do mesmo modo que nos conformamos con ver os cruceiros coas pinturas orixinais perdidas. Mesmo o cruceiro policromado de Mourente, co seu soldadiño de levita facéndolle sentinela, cruceiro do que tanto Castelao gostara, vai perdendo o vigoroso colorido que tiña nos anos cincuenta do século pasado, cando os seus propietarios aínda lle restauraban o colorido cada xis anos. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats