Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Feixóo en familia

Estatua do P. Feixóo en Ourense.// IÑAKI OSORIO

Celebra Galicia, aínda que sen demasiado entusiasmo, os anos do nacemento de quen asinaba as súas obras como Benito Gerónimo Feijoó (con til no segundo o) y Montenegro e algunha vez era citado, no latín literario en retroceso, como Benedictus Hieronymus Feijoo (sempre así). Nós, xa digo, chamarémoslle, pola breve e en galego, Padre ou P. Feixóo.

Era o sabio de caste afidalgada que puña nas pedras de armas das súas propiedades a espada do brasón coa punta para abaixo, franqueada das seis besantes. Disque a estirpe principal Feixóo nacera das milicias do abade de Celanova. Sería así e, todo o mundo relembra a lexenda do sartego de Johan Feijoo, escudeyro, que custodia hoxe o Museo Arqueolóxico de Ourense. Gostaba a familia do P. Feixóo de ostentar o M daqueles Montenegros que fixeron perpetuo o nome novo e meliorativo de Vilalba.

O pai de Benito axustábase ao patrón tópico de educador doméstico portentoso, coma o literario de Gargantúa e o real de Montaigne. Aprendía o home tiradas de Virxilio e decorábaas en minutos. Fixérase gramático nunha semana e dictaba varias cartas, non tantas coma César, nembargantes, de forma simultánea. Dado e benevolente, chamábase o proxenitor Antonio Feijóo y Ulloa Montenegro e a súa esposa, e nai dos fillos, era María de Puga, que convivía na casa cunha súa irmá solteira. Seica María e maila irmá ceiba eran moi afeccionadas aos versos e amantes da lingua galega. Como escribe un dos irmáns poetas do P. Feixóo: "unha nai que me pariu/ i autra vella, miña tía, /deron comigo a porfía/sobre o galego falar€".

Insiste moito, e con razón, Cid Rumbao en que a casa principal da familia Feixóo era a do Mato, en Allariz. Casdemiro, no alfoz de Ourense, era unha habitación secundaria situada no lugar onde tiñan as adegas. Os irmáns Feixóo naceron en Allariz agás o ilustre bieito, que veu ao mundo no Ribeiro do Miño, en Casdemiro. X.M. Álvarez Blázquez gosta moito de evocar Allariz como vila literaria na que mulleres e varóns se exercitaban na poesía privada e de referencia amistosa nos séculos XVII e XVIII. Alí estaba vivindo, coma tal, Ana María Moscoso de Prado, excelente versificadora e boa amiga da familia Feixóo. Houbera una monxa do convento de Santa Clara de Allariz que mandou unha glosa ás Festas Minervais. Ela levaba o nome de Isabel Rodríguez. Mulleres escritoras, estas, das que se perdeu case toda a obra, como foi o caso de María Francisca de Isla, a irmá do famoso P. Isla. Logo estaban en Allariz os dous irmáns do P. Feixóo, ambos poetas en galego, Anselmo e Plácido.

Dos irmáns de P. Feixóo, o segundo, aínda que morgado por razóns descoñecidas, foi Anselmo (1678-1740?). Mandou tropas na Guerra de Sucesión, por suposto no bando francés. Estivo na defensa de Vigo contra os ingleses e seguramente na batalla de Rande, por terra. Autor do grande poema a aquela desfeita o "Pranto da frota", que comeza así de ben: "Pois que sempre algún malsín/tacha a miña boa lei,/ déixenme chorar sin fin/ na lingua en que me criei€" Este "Pranto" e aínda outra composición en galego de Anselmo Feixóo fóron incorrectamente atribuídos ao ilustre irmán bieito.

Plácido (1682-1749), o terceiro irmán, debeu de ser ben pándigo. Ana María Moscoso de Prado, poetisa citada de Allariz, confésalle ao P. Feixóo en verso a debilidade que sentía por él: "De un don Plácido Feijóo/soy tan amante vecina,/ que si es tu hermano en la sangre/lo es mío en simpatía". Ora ben, a mocedade de Plácido tivo algún episodio azaroso. El e os seus compañeiros eran, segundo conta Cid Rumbao, afeccionados a mocear coas freiras guapas do convento das clarisas de Allariz. Parece ser que a carón do mosteiro, no campo da Barreira, houbo unha liorta e un vigairo resultou co coiro da cabeza rachado. Desterraron a Monterrei os mozos trastes, entre os cales se encontraba o Plácido, para máis adiante indultalos. Era versificador hábil, Plácido Feixóo, e del coñecemos unhas décimas con pé forzado que presentou en galego a un concurso convocado polo impresor madrileño Juan de Aritzia. Tamén concorreu ao certame Anselmo Feixóo, pero o premio foi para o extravagante e estupendo Diego de Torres Villaroel. O premio era una estantería para libros.

Denantes mencionaba eu a afección de andar ás monxas de Santa Clara que tiña Plácido Feixóo Montenegro. Para os lectores de obras castelás do Século de Ouro non será esta actividade descoñecida. Digamos que a figura do "galán de monxas" tardou máis en desaparecer do que soe pensarse. Sen ir máis lonxe, Camilo Castelo Branco contou entre as súas amantes a abadesa do convento de Sao Bento, no pleno século XIX, e no centro da cidade do Porto.

Moi axiña, o rapaciño que ía ser o P. Feixóo, deixou a Granxa do Mato, a casa da ribeira e das vendimas de Casdemiro, freguesía de Melias, a sociedade familiar, culta e divertida de Allariz. Cedeulle ao sei irmán Anselmo os dereitos de primoxenitura e entrou aos conventos benedictinos, onde profesou. Toda a súa carreira eclesiástica e intelectual foi cursada so a protección deses Bieitos. A meirande parte da súa vida correu na cidade de Oviedo. Pero estamos seguros de que os días galegos da súa nenez e mocedade marcaron para sempre o corazón e a memoria do sabio.

Compartir el artículo

stats