O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso. Trátase de “O Gran Camiño”, o que será un dos maiores eventos deportivos do ano na Comunidade que se disputará entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión turística.

Equipos chegados dende diferentes partes do mundo recorrerán un total de 512 quilómetros en catro xornadas nas que atravesarán un total de 45 concellos.

Porriño foi elixido punto de partida da primeira das etapas cuxa meta estará en Vigo. Serán 163,7 quilómetros dunha ruta chá na súa maior parte, na que a 23 quilómetros do final, os ciclistas subirán a Peinador antes de chegar ao sprint ao mesmo centro da cidade olívica. A volta pasará por municipios de forte vinculación ciclista como Ponteareas e por tramos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola Costa. Os concellos da bisbarra polos que pasará son, ademais dos xa nomeados, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia Baiona, Nigrán e Redondela.

A segunda das etapas disputarase na provincia da Coruña, nun recorrido de 183,5 km entre Bertamiráns e o Miradoiro do Ézaro; a terceira en Ourense, cos ríos Sil e Miño como protagonistas e 148,9 km entre Maceda e Luíntra e a cuarta e última será unha contrarreloxo, de 15,9 km, no Concello de Sarria.

O rexedor local do Porriño, Alejandro Lorenzo, interveu no acto de presentación oficial da proba asegurando que “como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño. O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proxección cara ao mundo”. Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos e O Gran Camiño será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

Turismo

A Xunta aposta por esta volta ciclista como punto de partida da gran peregrinación a Galicia, xa que ao celebrarse entre o 24 e o 27 de febreiro será o primeiro evento do ano de impacto internacional da man do Xacobeo. Así, a organización promoverá a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22. Neste senso, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, indicou que “deporte e turismo unidos dan como resultado beneficios moi importantes para a economía galega” e amosou a súa satisfacción pola recuperación dun evento que, como o Camiño de Santiago, “percorre todas as provincias galegas, realízase por etapas e defende os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo para chegar á meta en Compostela”. Por iso, recalcou que “supón un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira”.