María Cristina, Iria, Manuel Dionisio e Uxío foron os galardoados “mellores lectores do ano 2020” da vila dos viadutos. As bibliotecas públicas municipais Valle-Inclán de Redondela e Xela Arias de Chapela veñen de premiar aos usuarios que maior uso realizaron do servizo de préstamos no pasado ano atendendo aos datos que rexistraron as súas estatísticas.

Iria, gañadora (infantil) na biblioteca Valle-Inclán. | //FDV

Esta iniciativa ten por obxectivo fomentar a lectura e premiar a fidelidade dos usuarios.

Uxío, gañador (infantil) na biblioteca Xela Arias. | //FDV

Vantaxes como usuarios

Cada ano, no mes de abril, aproveitando a conmemoración do Día do Libro Infantil (2) e do Día do Libro e dos dereitos de autor (23) outorgan este recoñecemento que leva consigo un premio consistente na adquisición de libros nunha librería do municipio, á vez que son nomeados como socios de honra da biblioteca e, polo tanto, poden retirar en préstamo un maior número de obras que ata o de agora.

Manuel, gañador na biblioteca Xela Arias. | // FDV

Establécense dúas categorías, adulto para maiores de 14 anos, e infantil para os menores desa idade. Nesta ocasión os galardoados foron María Cristina e Iria (de 8 anos) na biblioteca Valle-Inclán e Manuel Dionisio e Uxío (9 anos) na biblioteca Xela Arias.