O Concello de Cerdedo-Cotobade vai clausurar o seu amplo programa das Letras Galegas 2019, adicadas ao Fillo Predilecto Antonio Fraguas, cun ambicioso espectáculo teatral de carácter etnográfico consistente na representación da peza "A Galicia Insólita. Tan lonxe e tan preto" a cargo da agrupación folclórica Os de Algures.

Esta actuación terá lugar este sábado, a partires das 19 horas no Auditorio de Cerdedo e a entrada, como de costume, será de balde ata completar o aforo.

"A Galicia Insólita", que despedirá o Ano Fraguas no municipio cunha colaboración a cargo de Begoña Lorenzo, baséase na obra orixinal do persoeiro das Letras Galegas 2019 e contará coa participación de máis de 80 persoas entre intérpretes, músicos e bailaríns.

A obra céntrase na viaxe dun gaiteiro e un tamborileiro a Santo André de Teixido e, durante o seu percorrido, atópanse con esceas como a Santa Compaña, un velorio ou unha voda na que se tentaban evitar os excesos das comidas.