A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (Arelas) levarán esta semana a Vilaboa a exposición "Sorrisos Transformadores", o proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI. De feito, Cristina Palacios, presidenta de Arelas, será quen ofreza mañá, no marco desta mostra, unha charla no salón de actos da Casa da Cultura de Riomaior ás 11 horas. Nela afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, achegará a súa experiencia persoal e responderá ás cuestións que poidan xurdir. A exposición poderá visitarse no CPI Toural de Vilaboa dende mañá ata o vindeiro 15 de novembro, de 9 a 14 horas.