Pontevedra viviu este sábado a descuberta dunha escultura en homenaxe ao galeguista, artista e empresario Isaac Díaz Pardo con motivo do Día da Galeguidade Empresarial, organizado polo Foro Enrique Peinador. O busto é obra do escultor José Molares e levántase sobre un pedestal da Escola de Canteiros de Poio, pertencente á Deputación de Pontevedra. A descuberta foi nos xardíns de Enrique Marescot, fronte á facultade de Belas Artes.

O monumento leva unha placa na que se pode ler: "Cando os anos me venzan, xa descomposto todo e farto de facer todo o que fago, non sei o que farei... Estou tan afeito a perder que non sei que facer se un día gaño".

Interviñeron neste acto Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Xosé Díaz Arias, fillo do homenaxeado; Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así coma o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, o fiscal Carlos Varela e a decana de Belas Artes de Pontevedra. Tamén asistíu a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

A continuación, os asistentes entraron na Facultade de Belas Artes para inaugurar a exposición "Isaac Díaz Pardo e Sargadelos. Apontamentos sobre arte, industria e deseño". A exposición está comisariada por Silvia García González e estará aberta até o vindeiro 22 de febreiro en horario de luns a venres de 11.00 a 13.00 horas, e de 18.00 a 20.00 horas.