Cun rotundo éxito pechou as súas portas onte pola noite a feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal, a súa edición de 2018. É a número 11 e vén a revalidar a excelente resposta por parte do público de toda a comunidade autónoma.

Fontes da organización cifraron onte en preto de 14.500 persoas as asistentes á feira no Recinto Feiral de Pontevedra e o Pazo da Cultura, onde tivo lugar a cita ineludible coa cultura galega. Así mesmo, anunciaron xa as datas para a vindeira edición, que terá lugar os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro.

"É un balance moi positivo dos tres días, tanto na cantidade de visitas como na calidade da programación proposta. Ao redor de catorce mil cinconcentas persoas entraron no Pazo da Cultura de Pontevedra a gozar dunha programación que, entre actividades da feira e actividades dos stands sumou case duascentas propostas", destaca a organización.

Esta nova edición chegou cargada de novidades. Unha delas foi a proposta de trasladar en autobús a Pontevedra ao público dende puntos como Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela.

"Esta é unha feira para todo o país que require iniciativas que redunden na idea e que faciliten a visita de todas as persoas que non residen en Pontevedra e a súa contorna. De feito, a maior parte dos usuarios dos autobuses este ano non coñecían o Culturgal, nunca estiveran nel", sinala Xosé Aldea, director da feira.

Espazo gastronómico

Outra das propostas que se estrearon foi o espazo gastronómico, coa participación de catro restaurantes diferentes abertos no mesmo horario da feira.

E é que no Culturgal non faltou de nada: literatura, música, teatro, obradoiros, exposicións... Un dos eventos que máis público congregou foi o retorno de Carlos Núñez a Pontevedra co concerto especial do sábado, co Auditorio do Pazo da Cultura cheo para presenciar a xira "A irmandade dos celtas". Facía anos que o músico non tocaba na cidade e sentíronse as ganas dos veciños por volver escoitar a súa música.

Foi precisamente esa xornada a que máis visitas sumou ao cómputo total da feira, con preto das metade dos tres días, unhas 7.000.

O de onte non podía rematar sen a entrega do Premio do Público Culturgal 2018, que este ano ecibiu a Casa de Rosalía de Padrón. Para a recollida, a institución encargada ensalzar á poetisa galega máis universal, contou coa colaboración de Os Quinquilláns Teatro, que deron vida a autora de "Cantares Gallegos" e ao pintor Modesto Brocos.