Unha fotografía nocturna realizada por Francisco Currás dende o conxunto rupestre do Pornedo coa Vía Láctea sobre o horizonte foi a imaxe máis destacada polo xurado do Certame Fotográfico "O Balcón da Ría" organizado pola Asociación Monte Pituco no marco das II Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. Ademais da calidade e da composición, os expertos destacaron que esta obra "fomenta a visita ao Pituco como un lugar con moita historia onde poder fotografar a beleza do ceo nocturno do que nos privan as luces da cidade".

Tamén foi seleccionada unha fotografía macro duns liques da variedade Cladonia. Tomada por María López, o xurado destacou "a beleza da foto, por poñer o punto de mira nos valores naturais presentes no Pituco, onde ata o máis diminuto é digno de valorar e conservar". Ademais, destacaron os solpores presentados por José Manuel Domínguez, que animan a gozar dun "espectáculo visual inigualable" dende o "balcón da ría", como o veciño Xan Montenegro denominaba este enclave.

Precisamente, co propósito de incentivar as visitas ao Monte Pituco -ou Pornedo- e ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, este certame fotográfico propoñía compartir imaxes nas redes sociais amosando elementos vencellados á riqueza natural, a vistosidade paisaxística e a importancia dos bens patrimoniais que posúe esta zona.

O xurado estivo formado por Amancio Castro, do colectivo ecoloxista Vaipolorío; José Rodrigo Dapena, da Sociedade Galega de Historia Natural en Pontevedra; Helena Rodríguez, parasitóloga do CSIC e integrante do colectivo naturalista Liboreiro, do Morrazo; e Xoán "Arco da Vella" Torres, promotor da web "Galicia, o paraíso existe".

En total presentáronse ao certame 25 imaxes, que foron expostas na Adega A Capeleira durante a charla dos avogados Juan e Rafael Areses. Ao tratarse dun certame non competitivo, todos os participantes recibiron como obsequio pezas cerámicas elaboradas pola Asociación Monte Pituco nas instalacións do obradoiro Alén das Olas, coa colaboración de Laura Villanueva e Xermán Iglesias achegando os materiais, os utensilios e a supervisión na elaboración das figuras, que representaban detalles dos petróglifos do Pornedo, Pinal de Caeiro e Sete Camiños.

Recursos xudiciais

Por outra parte, os avogados Juan e Rafael Areses repasaron o traballo de defensa do Monte Pituco dende o punto de vista xurídico ao longo dos últimos nove anos, nos que acadaron dúas sentenzas firmes contra o PXOM do Concello de Marín e o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Xunta anulando o polígono industrial proxectado neza zona. "Os dous dictames están moi vencellados", explicou Rafael Areses, argumentando que os tribunais determinaron que "o terreo non reúne as condicións pola pendente, os costes económicos dos movementos de terras e as afeccións ambientais, xunto coa elevada intervisibilidade e o dano paisaxístico que xeraría".

O letrado da Asociación Monte Pituco precisou que o Informe de Sostibilidade Ambiental "non reunía os requisitos legais" en tanto o documento admitía os efectos negativos do parque empresarial proxectado sobre o espazo natural afectado, se ben emprazaba a analizar os danos nunha fase posterior correspondente á elaboración do plan parcial. "Pero así non se pode facer, pois para iso está o Plan Sectorial; para ver se é posible contruílo", engadiu.

Ademais, Juan Areses recordou os seus logros como representante da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres contra os recheos portuarios e o ramal ferroviario, se ben quedaron en "papel mollado" porque o Goberno non executa as sentenzas. Así, acusou as Administracións de "actuar de forma desleal", sendo partidario de que os tribunais "lle dean a razón se a teñen, pero sen trampas".

Ambos avogados coincidiron na necesidade de "seguir atentos" para evitar que se leven a cabo obras de infraestruturas no Monte Pituco que prexudiquen os valores de protección intrínsecos a este espazo. Rafael Areses calificou de "aberración" o polígono industrial proxectado nesa zona polas "gravísimas" afeccións ambientais e paisaxísticas que implicaría a obra.

As II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián concluíron cunha ruta de sendeirismo rodeando o perímetro do terreo clasificado como solo industrial para reivindicar que o Concello de Marín acate as sentenzas do TSXG e convoque á maior brevidade a Comisión de Urbanismo para tramitar a oportuna modificación puntual do PXOM.