Un incunable datado en maio de 2018. Así é o programa de man das festas de Ponte Caldelas, que chega este ano disfrazado de Códice Caldelino. Máis de 80 actividades para gozar das festas da Vila do Verdugo. Un extenso calendario que arrancou o pasado día 1 coa Festa Sevillana e que rematará alá polo 23 de setembro coa última excursión do ano.

O goberno local volve apostar por unha presentación creativa do programa para non deixar indiferente a ninguén. Despois do éxito do Dinamical forte, "a medicina contra o aburrimento" que chegou o ano pasado, este ano opta por unha estética medieval chea de humor e en plena sintonía co espírito do Entroido de Verán, unha das pezas fortes da programación caldelá.

"O Códice", sublíñase na presentación do programa, "non se custodia en fortaleza ou catedral algunha e mesmo hai quen afirma que se reparte libremente, outros din que calquera pode ter un exemplar con autenticidade certificada polo Concello de Ponte Caldelas. Máis aínda, contan que quen o mete no peto non comete roubo algún e que mesmo llo agradecen".

Este incunable "de antigüidade insignificante", "saído da asombrosa máquina da imprenta", está dividido ao igual que o famoso tomo no que se inspira en cinco libros que levan por título: Guía para non perderse nada, Dun Entroido que se celebraba en Verán, Sobre a Festa Gastronómica do Emigrante e Celebrando as Festas das Dores. O quinto libro conta a fermosa historia do acontecido tralos incendios forestais baixo o epígrafe "De cando os caldeláns recuperaron os montes con palla, coa axuda duns Irmandiños moi solidarios".

O Códice Caldelino terá unha tirada de 15.000 exemplares porque está pensado para ser repartido non só por Ponte Caldelas, senón tamén por oficinas de turismo e establecementos hoteleiros das cidades próximas. A gran aceptación que tivo o ano pasado, cando foi demandado dende diversos puntos, fai pensar que se esgotará en breve.

Programación festiva

En canto á programación festiva, os pratos fortes volven ser o Entroido de Verán, que chega reforzado polo éxito da súa estrea o ano pasado. Ao tempo que se celebra o concurso de tapas de xullo chegará a Festa Gastronómica do Emigrante, baseada na exaltación da cociña típica dos países da emigración.

Festa das Dores

A última fin de semana de agosto celebraranse as Festas das Dores, que teñen na programación musical o prato forte, tanto co festival Caldelas Xove como cas verbenas, capitaneadas polas orquestras París de Noia e o Combo Dominicano.

A cultura volve estar moi presente con teatro (destaca a representación de "Estás aí?" por Redrum Teatro), música (Treixadura á cabeza), cantos de taberna ou cinema na rúa.

Haberá tamén actividades de pura diversión, como a percuterapia ou monólogos. O deporte está representado pola Subida automobilística a Ponte Caldelas e a BTT Troita, de bicicleta de montaña.