A Alameda de Marín acollerá mañá ás 12.30 horas a quinta representación de "Unha historia de Amor. Homenaxe a María Victoria Moreno", das dez que "Polo Correo do vento" levará pola provincia no marco do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra. Trátase dun contacontos ilustrado que está indicado público familiar e que recrea a vida e a obra de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Esta representación forma parte da programación teatral que, baixo o título "María Victoria Moreno a escena!", o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia, e que conta cun total de 60 actuacións. No caso concreto de "Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno", xa pasou por Pazos de Borbén, Meaño, Pontevedra e Dozón, e tras a representación de Marín, continuará a itinerancia por Crecente, Fornelos, Mondariz-Balneario, Oia e Portas.

Este espectáculo baséase na narración oral e na ilustración, cunha actividade final adaptada para o público máis novo co fin de promover a lectura, o coñecemento da obra de importantes figuras galegas como é o caso de María Victoria Moreno, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e da expresión artística das nenas e dos nenos. Para isto, o contador Enrique Mauricio narra oralmente a vida e os principais fitos da obra de María Victoria Moreno, tratando de involucrar e de fomentar a participación do público, e posteriormente o ilustrador Carlos Taboada guía un obradoiro de debuxo para que cada participante realice a súa propia caricatura da escritora.

Hoxe

Por outra banda, hoxe, ás 19.00 horas, no salón de actos da biblioteca pública de Marín, o grupo de teatro do IES Mestre Landín representará a obra "Os merlos brancos". Cómicos, merlos, gaivotas, cotorras, flamingos e pombas son os personaxes que interpretan dezaoito alumnas e alumnos de 1º a 4º da ESO nesta adaptación da obra teatral "O merlo branco" de Cándido Pazó. A representación, de entrada libre e gratuita ata completar o aforo, está dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos.